Skip to main content

O proxecto DIETAT avanza na creación do Observatorio da Dieta Atlántica

A verdura é un dos eixos nos que se sustenta a dieta atlántica. FOTO: Santi Alvite
A verdura é un dos eixos nos que se sustenta a dieta atlántica. FOTO: Santi Alvite
A USC participa neste consorcio que busca promover este tipo de alimentación e os seus beneficios para a saúde, ademais do desenvolvemento económico sostible na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Santiago de Compostela

O primeiro taller de cooperación transfronteiriza España-Portugal de promoción da Dieta Atlántica desenvolveuse este martes 28 no Colexio de San Xerome no marco do proxecto DIETAT. A través desta iniciativa búscase promover a Dieta Atlántica e os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en liña coa creación de novos mercados e oportunidades de acceso ao emprego. Para iso, ademais da creación do Observatorio da Dieta Atlántica contémplase tamén o establecemento dun selo de calidade para os produtos que a integran e a promoción de hábitos saudables, o turismo gastronómico e cultural.

A USC participa no proxecto DIETAT, liderado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e no que tamén interveñen a Fundación Finnova e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) por parte de España, e a Comunidade Intermunicipal de Alto Minho, Associação Empresarial de Portugal (AEP), Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), por Portugal. Ademais, colaboran como socios sen financiamento a Axencia de Turismo de Galicia, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), a Universidade de Vigo, a Fundación Dieta Atlántica, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Estratexias

O primeiro taller de cooperación transfronteiriza España-Portugal de promoción da Dieta Atlántica reuniu nesta xornada de traballo un grupo de entidades expertas na materia para definir estratexias de traballo a longo prazo no marco do Observatorio da Dieta Atlántica. Así mesmo, abordaron a análise de distintas oportunidades de financiamento europeo para impulsar as accións derivadas do devandito Observatorio. Fixérono de man da presidenta do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica e profesora da USC, Rosaura Leis; o catedrático de Nutrición Humana e Bromatoloxía da USC, Alberto Cepeda; do presidente de AGACAL, José Luis Cabarcos; e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.  

Na xuntanza estiveron acompañados pola profesora departamento de Química Analítica Nutrición e Bromatoloxía da USC, Beatriz Vázquez Belda; o catedrático do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro Rodríguez; a  coordinadora da Escola Superior de Tecnologia e Gestão, Manuela Vaz Velho; o director xeral de Fundación Finnova, Juanma Revolta; o técnico de proxectos de Fundación Finnova, Agustín Quesada López; e a coordinadora de proxectos da Associação Empresarial de Portugal (AEP), Branca Pereira.
 

A xuntanza desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 11.28.2023.