Skip to main content

Ciencias da Comunicación analiza o influxo da Intelixencia Artificial na igualdade de xénero

Reitor, decana e conselleira posaron con parte das relatoras antes do inicio do acto. FOTO: Santi Alvite
Reitor, decana e conselleira posaron con parte das relatoras antes do inicio do acto. FOTO: Santi Alvite
A quinta edición do congreso organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia debateu sobre se esta disciplina contribúe á equidade ou se, pola contra, subliña as desigualdades
Santiago de Compostela

A quinta edición do congreso ‘Medios de comunicación e igualdade de xénero’ profundou na intelixencia artificial e en se esta disciplina pode contribuír á equidade ou se, pola contra, incrementa os nesgos de xénero. Xornalistas, profesionais dos medios e persoal investigador participaron este martes 28, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, neste encontro organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia coa intención de desvelar a influencia da IA nas desigualdades de xénero e na desinformación.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo López; e a presidenta da Asociación, María Méndez, inauguraron este encontro que contou con relatoras expertas e especializadas en IA, como Idoia Salazar García, presidenta e fundadora do Observatorio do Impacto Social e Ético da Intelixencia Artificial OdiseIA; Miren Gutiérrez Almazor, investigadora principal de ARES, da Universidade de Deusto; Violeta Molina Gallardo, correspondente de Xénero da Axencia EFE e gañadora do quinto Premio de Periodismo contra a Violencia de Xénero da Fundación Aliados pola Integración; Raquel Holgado, redactora de tecnoloxía do xornal 20 Minutos; ou Carolina González Valenzuela, redactora da publicación Computer Hoy.

Canda elas, tamén interviñeron Gabriela Bouret e Natalia Louzau, xefa de Análise de Datos e xornalista de La Nación Data do xornal arxentino La Nación (primeiro xornal que anunciou a creación de dúas ferramentas dixitais para tratar de promover a igualdade de xénero e dar cobertura a temas sensibles como o acoso, o suicidio, o bullying ou a diversidade); Raúl Romar García, responsable de ciencia do xornal La Voz de Galicia; e Rosa Vilas Núñez, adxunta ao director xeral da CRTVG.    

O Congreso que foi presentado e moderado por alumnado e profesorado de Ciencias da Comunicación, serviu para coñecer as accións desenvolvidas pola Administración autonómica para intentar mitigar a desigualdade, o acoso e a violencia de xénero a través das novas tecnoloxías, da man da secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez Domínguez. O foro foi clausurado pola decana Ana Isabel Rodríguez, quen estivo acompañada pola presidenta da APG, María Méndez.
 

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 11.28.2023.