Skip to main content

Galicia e o Norte de Portugal disporán dun ‘living lab’ transfronterizo de innovación en Saúde

David Facal durante a súa intervención na xuntanza
David Facal durante a súa intervención na xuntanza
Os profesores da USC David Facal e Arturo Xosé Pereiro Rozas participan no proxecto INNOV4LIFE que axudará a pechar a brecha entre as persoas innovadoras con tecnoloxías que necesitan ser validadas e os usuarios finais
Santiago de Compostela

A USC forma parte do consorcio do proxecto INNOV4LIFE, unha iniciativa que establecerá un ‘living lab’ transfronteirizo entre Galicia e o Norte de Portugal. Esta iniciativa axudará a pechar a brecha entre as persoas innovadoras con tecnoloxías que necesitan ser validadas (unha fase crucial dun proceso de innovación) e os usuarios finais que forman parte do grupo demográfico ao que se dirixen estas solucións. “Créanse así as condicións que permiten probar a recepción e adopción de solucións dixitais para a Saúde entre os usuarios finais, na súa propia contorna”, explican dende o proxecto no que participa os profesores da USC, David Facal e Arturo Xosé Pereiro Rozas. A xuntanza de lanzamento do proxecto desenvolveuse na Universidade de Porto os días 27 e 28 de novembro. 

O proxecto está a tecer unha rede de socios, no que tamén participan SERGAS, ACIS e AFAGA Alzheimer, para facilitar a validación de novas solucións dixitais na área da Saúde. Coordinada pola Universidade do Porto, a través do Centro de Competencias en Envellecemento Activo e Saudable da Universidade do Porto, Porto4Ageing, a rede ten tamén como socios UPTEC e Santa Casa de Misericordia de Riba de Ave. A iniciativa botará a andar centrándose na demencia e na dexeneración cognitiva.

Programa INTERREG

O proxecto INNOV4LIFE está cofinanciado pola Unión Europea (a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER), no marco do programa Interreg– Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP). O programa promove a cooperación entre diferentes rexións europeas en problemas ou cuestións compartidas.
 

Foto de familia da reunión de arranque do proxecto
Foto de familia da reunión de arranque do proxecto
The contents of this page were updated on 11.28.2023.