Skip to main content

O legado do SEG reverdece na USC grazas á luz das Faíscas Culturais

Os profesores Xoán Carmona e Adrián Dios analizaron, no vestíbulo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ‘O mundo dos felices Anos 20’ dende unha perspectiva galega. FOTO: Santi Alvite
Os profesores Xoán Carmona e Adrián Dios analizaron, no vestíbulo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ‘O mundo dos felices Anos 20’ dende unha perspectiva galega. FOTO: Santi Alvite
As facultades de Veterinaria e Ciencias Económicas e Empresariais acolleron as dúas últimas intervencións de tributo ao Seminario de Estudos Galegos no marco deste programa impulsado dende a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura
Lugo, Santiago de Compostela

As Faíscas Culturais que se desenvolveron este mércores 29 nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, no Campus de Santiago, e de Veterinaria, no Campus de Lugo, serviron de colofón á vaga de intervencións que dende comezos de outubro levou a diferentes centros da USC o legado do Seminario de Estudos Galegos (SEG). A través destas actuacións de tributo ao SEG, a USC logrou prender a reflexión cultural e complementar a formación do estudantado a través de actividades que se situaron na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística. Cada posta en escena coincidiu coa estadía no centro da mostra itinerante ‘Saber de Nós. Unha ollada ao centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos’, comisariada por Henrique Monteagudo, e que nos casos de Ciencias Económicas e Empresariais e de Veterinaria aínda poderá visitarse ata o 15 de decembro.

Deste xeito, Ruth Rodríguez Bermúdez profundou en Veterinaria, ante medio cento de estudantes, no papel do SEG no estudo das razas autóctonas galegas. Pola súa parte, os profesores Xoán Carmona e Adrián Dios analizaron, no vestíbulo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ‘O mundo dos felices Anos 20’ dende unha perspectiva galega. A sesión contou tamén coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias.

O SEG foi fundado en outubro de 1923 por un grupo de universitarios co obxecto de formar novo persoal investigador dentro dos diversos aspectos da realidade galega. Malia que o SEG puxo o foco inicialmente nas Humanidades, axiña se abriu cara ás ciencias sociais e naturais, constituíndo “un refacho de aire fresco na Universidade de Santiago”, tal e como explica o catedrático da USC e comisario da mostra divulgativa ‘Saber de Nós’, Henrique Monteagudo.

As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou o pasado curso un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese a través da reflexión no alumnado inseríndose no seu currículo académico. As Faíscas pretenden conectar o que a USC realiza no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas e forman parte da programación do Outono Cultural integrado por un amplo e diverso abano de actividades no que música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais danse a man.

Ansiedade climática

Pero as Faíscas non rematan co tributo ao SEG, unha segunda vaga segue espallándose polos diferentes centros da USC para trasladar a reflexión arredor do cambio climático e dos seus efectos. Baixo o título 'Un rastro de furia e algas. Reflexións sobre o futuro do planeta Terra', esta vaga afonda na exploración de como a "ansiedade climática" está a calar nas investigacións de artistas 'millenial' de Galicia e do norte de Portugal en aulas abertas e conversas que percorren varios dos centros da USC e se complementan cunha exposición coordinada por Federico López Silvestre que pode visitarse no Colexio de Fonseca.

Así, este mércores 29, Psicoloxía acolle a Faísca ‘Canto cres que sabes de psicoloxía ambiental? A importancia da conduta humana’. Pola súa parte, o 1 de decembro, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría será o escenario da intervención ‘A xestión de residuos como panca clave na loita contra o cambio climático’, alén de desenvolverse a andaina dirixida por Luís Miguel Serrano ‘Desvelando a flora urbana e o seu potencial na configuración dunha cidade biodiversa’, que terá a súa saída dende o Salón Artesoado de Fonseca. A mostra ‘Un rastro de furia e algas’ pode visitarse en Fonseca ata o 27 de xaneiro.

The contents of this page were updated on 11.30.2023.