Un equipo multidisciplinar da USC participa no Simposium Anual de Capital Natural da Universidade de Stanford
Despois de 20 anos da celebración do primeiro Cumio da Terra, a gran maioría das nacións do mundo declarou que as accións humanas estaban a desmantelar os ecosistemas do planeta a un ritmo alarmante, excedendo incluso os límites planetarios seguros que permiten a supervivencia dos seres humanos. Neste contexto, o rol que desempeñan os servizos ambientais que achega a natureza é particularmente relevante xa que fan posible o desenvolvemento das actividades económicas e o benestar humano.
Non obstante, é esperable que a degradación e perda de biodiversidade dos ecosistemas aumente no marco da crecente presión antrópica. A pesar do recoñecemento formal por parte dos organismos e plataformas internacionais (Nacións Unidas, IPBES, TEEB) e dos gobernos nacionais da necesidade de conservar os servizos ambientais, “aínda existe un baleiro importante no que se refire á súa avaliación integral incluíndo os valores ecolóxicos, económicos e socioculturais dos servizos ambientais no proceso de toma de decisións”.
Esta valoración faina un equipo de traballo da USC que estes días participa activamente no Simposium do Natural Capital Project da Universidade de Stanford, que aborda anualmente a investigación interdisciplinar dos servizos ambientais proporcionando ferramentas e metodoloxías de avaliación e monitoreo de políticas públicas relacionadas cos servizos ambientais en todo o mundo. O equipo da USC está integrado por Fernando Cobo e Rufino Vieira, da Estación Hidrobiolóxica do Encoro do Con; Manel Antelo, do Departamento de Fundamentos de Análise Económica; Jacobo Feás e Marta Portela, de Economía Financeira e Contabilidade; e Sebastian Villasante, de Economía Aplicada.
O equipo presenta en Stanford os obxectivos do proxecto ‘Avaliación biofísica, económica e cultural dos servizos ambientais do lago artificial de Meirama’. Recentemente financiado por Gas Natural Fenosa, ten como finalidade estudar o proceso de restauración ambiental da antiga mina de lignito de Meirama (A Coruña) no lago artificial realizando unha avaliación multidimensional dos servizos ambientais que aporta o lago así como os potenciais usos e beneficios económicos por parte dos usuarios baixo diferentes escenarios de xestión. Os resultados da investigación servirán de base científica para que os concellos e a Administración galega poidan avaliar e deseñar alternativas para a xestión dos servizos ambientais de forma sustentable e no futuro.