Skip to main content

O FacomFest premia as obras 'Toxos', 'Vulgaris' e 'No Name'

Foto de familia de representantes de obras gañadoras de premios e mencións do festival deste ano. FOTO: Facom Fest
Foto de familia de representantes de obras gañadoras de premios e mencións do festival deste ano. FOTO: Facom Fest
O festival de cine do estudantado galego desenvolveuse co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura

A obra 'Toxos', de Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón, foi a obra gañadora da categoría de Ficción do Facom Fest, e está acompañada no palmarés por ' Vulgaris', de Mario Fernández Filloy, galardoada na de Non Ficción e por 'No Name', asinada polo Colectivo i para a banda Beach Avenue, na categoría de videoclip. En cada categoría outorgáronse igualmente varias mencións especiais en recoñecemento a labores técnicas e artísticas.

Despois de catro días completos nos que o público puido asistir ás exhibicións das obras e participar en coloquios e actividades, este xoves 30 déronse a coñecer nunha gala as pezas gañadoras da segunda edición do Facom Fest, o festival de cine do estudantado galego. Os equipos das obras premiadas recibiron os seus premios en presenza dos xurados profesionais e novos do festival, da vicerreitora de Cultura e Estudantes da USC, Pilar Murias, e do numeroso público reunido no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, nun evento amenizado pola actuación da cantante Gloria Pavía xunto ao baixista Rafa Morales. O Facom Fest pecha o ciclo de actividades culturais desenvolvidas co apoio das axudas destinadas ao desenvolvemento de proxectos de dinamización físico-deportiva e cultural nos centros da USC, que promove a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e das que en breve sairá unha nova convocatoria.

'Toxos'

Na categoría de ficción concurson un total de doce pezas seleccionadas de diferentes xéneros. O xurado formado por Álvaro Gago (director de 'Matria'), Silvia Fuentes (produtora en 'Sétima' e xefa de produción en 'O corno') e a alumna Aira Portos decidiron que o premio debía recaer en 'Toxos' “pola súa proposta refrescante que xoga cos elementos do xénero ao que se achega de maneira intelixente e acertada”. Esta historia de aventuras que viaxa polas lendas e o misticismo galego da man de catro rapaces e rapazas de 12 anos nace como traballo de fin de grao dos seus directores Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón, e do director de fotografía Samuel Román.

'Vulgaris'

Na categoría de Non Ficción, o festival seleccionou nove obras, onde o público puido ver dende pezas situadas na tradición documental ata un campo máis experimental e varias pezas marcadas polo uso do material de arquivo doméstico. O xurado desta categoría, composto por María Yáñez (creadora e directora da revista dixital 'Vinte' e encargada da promoción de películas como 'O corno' ou 'Matria'), Antía Carreira (autore de 'Ola Baby (Video-ensaio sobre a miña depresión)') e a estudante Marta García, outorgaron o premio á obra 'Vulgaris' de Mario Fernández Filloy “pola súa abordaxe visual, a plasticidade da imaxe, o ritmo dinámico e o seu tratamento sonoro”. 'Vulgaris' segue o proceso polo que pasa o polbo ata chegar ao prato de madeira, buscando unificar a estética e o sentimento relacionado historicamente cos cefalópodos no mundo da arte coa cultura do polbo nas feiras galegas.

'No name'

Das oito pezas seleccionadas na categoría de videoclip, o xurado formado por Adrián Canoura (responsable dos videoclips de Baiuca entre outros, e cineasta con obras como 'Caerán lóstregos do ceo'), Sara Faro (que xunto a María Soa forma o grupo musical Fillas de Cassandra) e a alumna Ximena Torrón, considerou que a peza 'No Name', dirixida por Colectivo i (Xacobe Bruña Alonso, Elías Pérez Alvariño e Román Pereira Cuba) para a banda de Grunge/Nu Metal e punk lucense Beach Avenue, merecía gañar “por ser unha proposta diferente que xoga con recursos orixinais obtendo un resultado sólido que consegue adecuarse ao estilo”.

Mencións especiais

 

Para a II edición do Facom Fest o xurado profesional e o xurado novo decidiron dar mencións especiais para cada unha das categorías ás seguintes obras seleccionadas:

 

    Ficción:

        - Mellor deseño sonoro para Arón Arias Dono por 'Illa Cordura'

        - Mellor montaxe para Rebeca Tella por 'TARA'

        - Mellor interpretación para Rubén Buezas no papel de Bruno en 'Toxos'

    Non Ficción:

        - Mellor dirección de arte para Dani Iglesias por 'Tan só o demo lembra'

        - Mellor dirección para Aniana Barreiro por 'Where We Meet'

        - Mellor dirección de fotografía para Mario Fernández Filloy por 'Vulgaris'

    Videoclip:

        - Mellor dirección de fotografía para Sofía Batovaz Campos e Alicia Rey Vigo por 'Círculos'

        - Mellor dirección de arte para Beatriz Lampón por '300K'

 

The contents of this page were updated on 12.01.2023.