Persoal de HAZI interésase no Campus Terra pola metodoloxía empregada para o Inventario Forestal Continuo de Galicia
Unha delegación de persoal técnico e investigador da Fundación HAZI, unha entidade instrumental do Goberno vasco para o Desenvolvemento Rural, Litoral e Alimentario, visitou este venres o Campus Terra da USC para coñecer a metodoloxía empregada para a elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFGC), así como para coñecer de primeira man os primeiros resultados obtidos desde a disposición desta nova ferramenta.
A comitiva de HAZI, integrada por Iñaki Gerenabarrena Martínez de Lahidalga, Asier Arrese Zabala e Alejandro Cantero Amiano, aproveitou a súa estadía na sede universitaria luguesa para manter un primeiro encontro informativo coa directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), Rosa Romero, así como coa delegada do Reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera. Esta xuntanza, na que tamén participou o profesor da EPSE e investigador Ramón y Cajal César Pérez Cruzado, dado o seu destacado cometido na confección do Inventario Forestal Continuo de Galicia, permitiu aos representantes de HAZI coñecer as principais fortalezas en materia de I+D+i e tamén de transferencia do Campus Terra.
O obxectivo da visita á sede universitaria luguesa desta delegación de HAZI, unha entidade que xa colaborou tamén na elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia, responde á dobre vertente de ampliar coñecer os detalles metodolóxicos do proceso de deseño, posta en marcha e resultados do IFCG, así como á necesidade de acadar información de utilidade para a súa posterior aplicación na elaboración do Inventario Forestal de Euskadi, e en consecuencia, na actualización da medición das parcelas do Inventario Forestal Nacional. Cómpre lembrar neste senso que a Fundación HAZI colabora xunto coa USC en grupos de traballo do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de España que avanzan na definición de novos ciclos de medición do Inventario Forestal Nacional do Norte Peninsular (IFNN) e do quinto Inventario Forestal Nacional (IFN5).
Alén de reforzar as ligazóns entre a entidade vasca e a USC, a visita institucional desta delegación da Fundación HAZI permitiu ao seus representantes participar nas diversas sesións expositivas desenvolvidas no edificio Cactus do Campus de Lugo, para logo desprazarse en visitas de campo ás redes de parcelas xa incluídas no IFCG.