Skip to main content

As novas terapias para as lipodistrofias, a análise en Compostela

Inauguración do simposio no Edificio Docente Roberto Novoa Santos
Inauguración do simposio no Edificio Docente Roberto Novoa Santos
O XI Simposium Internacional de Lipodistrofias abórdanse tamén as súas bases moleculares, novas síndromes ou o emprego de modelos animais

Os novos avances no tratamento da lipodistrofia, unha condición patolóxica caracterizada pola ausencia focal ou xeral de tecido adiposo ou graxo, foron algúns dos temas a estudo no XI Simposium Internacional de Lipodistrofias (XI International Symposium on Lipodystrophies) que o xoves 30 de novembro e o venres 1 de decembro se desenvolveu na Aula Magna do Edificio Docente Roberto Novoa Santos, organizado pola Asociacion Internacional de Familiares y Afectados de Lipodistrofias e a Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas (UETeM) do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC.

No simposio participaron máis de vinte e cinco poñentes de primeiro nivel de España, Francia, Italia, Alemaña, Portugal, Turquía, Polonia, Israel, Canadá, Estados Unidos e Arxentina, e participaron varias persoas que ofreceron os seus testemuños como doentes ou afectadas. Con máis de 500 persoas asistentes, das cales arredor de 300 asistiron presencialmente,  no evento abordáronse as novidades no coñecemento destas doenzas raras tanto desde as súas bases moleculares, como no que respecta a novas síndromes, o emprego de modelos animais ou novas terapias, por exemplo as terapias xénicas.

Así mesmo fíxose un repaso dos resultados obtidos nas tres últimas décadas de investigación en lipodistrofias, tanto nas de orixe xenética coma nas adquiridas, e valorouse a importancia do apoio psicolóxico tanto na atención ás persoas doentes coma na atención ás familias, así como a importancia da nutrición en relación coas lipodistrofias.

Na ceremonia inaugural participaron este xoves a directora científica do CiMUS, Mabel Loza; a xerente da Área Sanitaria Santiago-Barbanza, Eloína Núñez Masid, e a vicedecana da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Ángela Torres, así como o director do UETeM Lab do CiMUS, David Araujo-Vilar; a presidenta de ELIP, Naca Perez de Tudela e o presidente da Federación Española de Enfermedades Raras, Juan Carrión.

No transcurso evento outorgáronselles os 'Celia Carrión Perez de Tudela Award in Lipodystrophy Research' aos profesores David Araujo-Vilar da USC e Giuseppe Novelli da Universitá Tor Vergata de Roma. A conferencia de clausura correu a cargo do profesor David Araujo-Vilar, baixo o título 'Fraude científica e negocio editorial'.

The contents of this page were updated on 12.01.2023.