Skip to main content

A Cátedra do Camiño premia unha investigación sobre o vínculo entre as cidades de Santiago e Pistoia

Catedral de Pistoia. FOTO: Pixabay
Catedral de Pistoia. FOTO: Pixabay
María Rodríguez Senra abordou como a partir do século XII, tras a chegada dunha reliquia ósea do apóstolo Santiago e dunha copia incompleta do ‘Codex Calixtinus’, a cidade de Pistoia consagrouse como a ‘Compostela Italiana’
Santiago de Compostela

A investigación ‘Pistoia e Santiago de Compostela: relación e culto ao Apóstolo', de María Rodríguez Senra, acaba de ser distinguida no marco da sexta edición dos premios cos que a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións distingue Traballos Fin de Grao (TFG) para fomentar o coñecemento histórico e actual da ruta xacobea, así como a promoción e difusión dos valores asociados a ela nas súas diferentes facianas. O TFG foi realizado no seo do departamento de Historia da Arte da USC. O galardón outorgado por esta Cátedra, cuxa creación é o resultado da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, está dotado con 500 euros.  

O traballo aborda como, a partir do século XII, tras a chegada dunha reliquia ósea do apóstolo Santiago e dunha copia incompleta do Codex Calixtinus, a cidade de Pistoia consagrouse como a ‘Compostela Italiana’, “quedando baixo o padroado do santo e mergullada no seu culto”, explica María Rodríguez Senra. “O acontecemento resultou tan relevante, que a cidade toscana quedou fixada como unha das etapas fundamentais da peregrinación italiana a Santiago, xa que conseguiu conformar un novo lugar de devoción ao apóstolo no altar de San Jacopo da catedral de Pistoia”, engade.

Todos os intercambios socioculturais realizados nas peregrinacións italianas a Compostela foron os que axudaron a adoptar na cidade unha iconografía propia nas artes visuais e na arquitectura local, ademais de incorporar un culto xacobeo particular que estaba adaptado ao contexto propio da cidade, “e que sempre se viu influído pola haxiografía, as tradicións e a cultura local compostelá”, matiza a investigadora. A creación deste novo centro de peregrinación cristián en Italia iniciouse hai nove séculos, e continúa vixente na actualidade coa presente irmandade de ambas as cidades.

Metodoloxía

Con este traballo realizouse unha extensa revisión bibliográfica que permitiu un achegamento á relación existente entre as cidades de Santiago de Compostela e Pistoia a través da figura do apóstolo Santiago e a súa devoción. Para conseguilo, expúxose unha análise na que se deliñou a figura do apóstolo para poder explicar a súa lenda e o conseguinte culto na cidade galega. Nunha segunda parte, revisouse a chegada do culto a Santiago o Maior a Italia, centrándose especialmente na cidade toscana de Pistoia, para así poder realizar unha análise da influencia do culto xacobeo nela, na evolución da iconografía nas artes visuais e na arquitectura da cidade e nas propias tradicións populares logo do establecemento do santo coma patrón da cidade.

“O traballo abordouse dende as fontes primarias tales coma o Codex Calixtinus e as Sagradas Escrituras, así coma dende as súas interpretacións e traducións máis modernas”, explica a investigadora. Por outra parte, fíxose uso da máis extensa recompilación bibliográfica posible que abordase o tema a tratar nas diferentes linguas: castelán, galego, inglés e italiano, para así explicalo con detemento dende unha perspectiva analítica e crítica contemporánea.

A autora

María Rodríguez Senra é licenciada en Historia da Arte pola USC e realizou unha estadía Erasmus en Boloña (Italia), cidade que como ela mesma recoñece, envolveuna da paixón artística e permitiulle realizar unha viaxe a Pistoia, clave central para a realización do seu TFG. Na actualidade está a realizar un mestrado interuniversitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte na USC e na Universidade das Palmas de Gran Canaria.

 

María Rodríguez Senra é licenciada en Historia da Arte pola USC
María Rodríguez Senra é licenciada en Historia da Arte pola USC
The contents of this page were updated on 12.04.2023.