Skip to main content

Creacións de Salvador Cidrás e Vicente Blanco dialogan con artistas lusos e galegos en ‘Norte Silvestre e Agreste’

Pezas de cerámica, á esquerda, e debuxos de Salvador Cidrás e Vicente Blanco
Pezas de cerámica, á esquerda, e debuxos de Salvador Cidrás e Vicente Blanco
Os docentes e investigadores da área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado expoñen pezas de cerámica e debuxos na galería municipal de Porto, no marco dunha exposición colectiva que afonda na identidade territorial e social do Noroeste ibérico
Lugo

Os artistas, docentes e investigadores da área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo Salvador Cidrás e Vicente Blanco Mosquera forman parte da ducia de creadores do Noroeste peninsular que dan vida coas súas obras á exposición ‘Norte Silvestre e Agrestre’, unha mostra colectiva comisariada por Filipa Ramos e Juan Luis Toboso que afonda, a través de diversas manifestacións de arte contemporáneo, naqueles trazos de identidade territorial e social compartidos no Noroeste ibérico.

Os docentes na sede universitaria luguesa contribúen a esta obra colectiva que abre a súas portas ao público este venres na Galería Municipal de Porto con diversas pezas de cerámica, debuxos e outras texturas, a través das que dan conta das liñas de investigación materializadas nas súas obras respecto das narrativas de formas e colores, así como sobre as violencias que tantas veces caracterizan, cando non condicionan, as relacións.

Daquela, Vicente Blanco Mosquera concorre como artista convidado a esta mostra colectiva con cinco debuxos (acuarelas e óleos), dous en gran formato, nos que pescuda na esencia do contacto, o presentimento, a vulnerabilidade das relacións que se dan na natureza. As creacións pictóricas con imaxes abertas e ambiguas que presenta Blanco Mosquera en ‘Norte Silvestre e Agreste’ trasladan tamén ao espectador a sensación de tensión ou incerteza que se produce en episodios de coidados ou de violencia. A relación de dominación respecto da natureza é outra das ideas advertidas nestas creacións de Blanco Mosquera, segundo indica o propio artista.

Unha dimensión ou perspectiva artística diferente é a que ofrece Salvador Cidrás a través das pezas de cerámica que amosará os vindeiros meses na Galería Municipal de Porto, ata onde trasladou varias creacións esmaltadas que afondan nas múltiples posibilidades das formas orgánicas.

Xunto coa cerámica, Cidrás achega tamén achega tamén a esta colectiva algúns dos resultados do seu traballo de experimentación con distintas narrativas e texturas, tal e como é caso dun urdime de Yute, unha peza elaborada con fíos entrelazados e pintura que afonda na narrativa das formas e cores afectados pola constante contaminación.

‘Norte Silvestre e Agreste’ constitúe, segundo indican os propios comisarios da mostra, unha exposición que recorre camiño e liñas de intensidade, forzas centrífugas que van alén de Porto, cara ás supostas marxes nas que estalan os intercambios para descubrir e compartir as referencias, historias, palabras e as conexións entre estes lugares con largo pasado e un futuro aínda máis longo.

The contents of this page were updated on 12.05.2023.