Skip to main content

Investigadores da USC participan no novo ‘Informe Global de Puntos de Inflexión’ sobre a urxencia climática

O informe pide “unha acción global de emerxencia” para conseguir un “futuro próspero e sostible”. FOTO: Pixabay
O informe pide “unha acción global de emerxencia” para conseguir un “futuro próspero e sostible”. FOTO: Pixabay
O profesor Sebastián Villasante e o investigador José Antonio Sanabria-Fernández contribúen con máis de 200 autoras e autores nun estudo que ve a humanidade nunha “traxectoria desastrosa”, a cal require “unha acción global de emerxencia” para conseguir un “futuro próspero e sostible”

O mundo chegou a un momento crucial, xa que se aceleran tanto as ameazas dos puntos de inflexión do sistema da Terra como o progreso cara a puntos de inflexión positivos, segundo o ‘Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión’ (‘Global Tipping Points Report’), elaborado por máis de 200 científicas e científicos, entre eles o profesor Sebastián Villasante, da USC, investigador financiado polo Consello Europeo de Investigación no seu proxecto Consolidator Grant EqualSea e o investigador posdoutoral José Antonio Sanabria-Fernández, os dous do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago (CRETUS). No informe afírmase que a humanidade se encontra nunha “traxectoria desastrosa” que require “unha acción global de emerxencia” para conseguir un “futuro próspero e sostible”, pois “a velocidade da eliminación dos combustibles fósiles e o crecemento das solucións sen carbono determinarán o futuro de milleiros de millóns de persoas”.

O informe, coordinado polo profesor Tim Lenton da Universidade de Exeter (Reino Unido), e que se poderá baixar de https://global-tipping-points.org, preséntase como a avaliación máis completa xamais realizada sobre os puntos de inflexión do planeta, e as súa conclusións déronse a coñecer este mércores 6 na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de 2023 (COP28) que se celebra desde o 30 de novembro ata o 12 de decembro de 2023 en Expo City, Dubai. Foi elaborado por un equipo internacional en colaboración con Bezos Earth Fund, e nas súas páxinas afírmase que a actual gobernanza mundial é inadecuada para a magnitude do reto que supón o cambio climático global e formula seis recomendacións clave “para cambiar de rumbo rapidamente, incluída a acción coordinada para desencadear puntos de inflexión positivos”.

As seis recomendacións clave son: eliminar progresivamente os combustibles fósiles e as emisións derivadas do uso da terra, deténdoas moito antes de 2050; reforzar a adaptación e a gobernanza de "perdas e danos", recoñecendo a desigualdade entre nacións e dentro delas; incluír os puntos de inflexión no Global Stocktake (o "inventario" climático mundial) e nos esforzos de cada país para facerlle fronte ao cambio climático; coordinar os esforzos políticos para desencadear puntos de inflexión positivos; convocar un cumio mundial urxente sobre os puntos de inflexión e profundizar no coñecemento dos puntos de inflexión. O equipo de investigación apoia a petición dun Informe Especial do Panel Internacional sobre o Cambio Climático (IPCC) sobre os puntos de inflexión.

Un punto de inflexión, segundo o informe, prodúcese cando un pequeno cambio desencadea unha transformación frecuentemente rápida e irreversible, e os seus efectos poden ser positivos ou negativos. Baseándose nunha avaliación de 26 puntos de inflexión negativos do sistema terrestre, o informe conclúe que xa non é posible "seguir como ata agora", pois xa se están producindo cambios rápidos na natureza e nas sociedades: “agora que o quecemento global vai camiño de superar os 1,5 °C, é probable que se desencadeen cando menos cinco puntos de inflexión nos sistemas terrestres”, advirte, e pon como exemplo o colapso das grandes capas de xeo e a mortalidade masiva dos arrecifes de coral de augas cálidas, existindo tamén o risco dunha “perda catastrófica a escala mundial da capacidade de produción de cultivos básicos”.

As autoras e os autores do informe cren que unhas políticas audaces e coordinadas desencadearían puntos de inflexión positivos en sectores coma a enerxía, o transporte e a alimentación, o que “salvaría millóns de vidas”, evitaría penurias a milleiros de millóns de persoas, reduciría en billóns de euros os danos relacionados co clima e empezaría a restaurar o mundo natural do que dependemos. "Os puntos de inflexión no sistema terrestre supoñen ameazas dunha magnitude nunca vista pola humanidade", afirmou o profesor Tim Lenton, do Global Systems Institute de Exeter.

O profesor Sebastián Villasante da USC, é autor do capítulo ‘Puntos de inflexión na  tecnoloxía, economía e sociedade’, onde afirma que “os puntos de inflexión tamén ofrecen a nosa mellor esperanza: temos que dar prioridade e desencadear puntos de inflexión positivos nas nosas sociedades e economías. Isto xa está ocorrendo en ámbitos que van desde as enerxías renovables e os vehículos eléctricos ata os movementos sociais e as dietas baseadas en plantas. Agora é o momento de desencadear unha fervenza de puntos de inflexión positivos para garantir un futuro seguro, xusto e sostible para a humanidade".

José Antonio Sanabria-Fernández, investigador da USC e autor do segundo capítulo, explica que "na actualidade, o noso sistema de gobernanza mundial é inadecuado para facerlles fronte ás ameazas que se aveciñan e aplicar as solucións que se necesitan con urxencia. É probable que se desencadeen algúns puntos de inflexión no sistema da Terra, o que causaría impactos graves e desproporcionados dentro das nacións e entre elas”.

O profesor Sebastián Villasante
O profesor Sebastián Villasante
The contents of this page were updated on 12.07.2023.