Skip to main content

Abre o prazo a Convocatoria Erasmus+ 2024/25 para estudantes

A USC tamén recibe alumnado do programa Erasmus doutros países. FOTO: Santi Alvite
A USC tamén recibe alumnado do programa Erasmus doutros países. FOTO: Santi Alvite
Xa se publicou a relación de prazas ofertadas e poden presentarse solicitudes ata o 29 de decembro

A USC convoca axudas de mobilidade a universidades europeas ao abeiro do Programa Erasmus+ dirixidas ao estudantado da USC matriculado nun grao, dobre grao ou máster oficial de máis de 60 créditos ECTS. A información completa sobre a convocatoria, prazas ofertadas ou títulos de idiomas recoñecidos pode atoparse no Taboleiro da USC. O prazo de solicitude comeza este martes 12 de decembro e remata o venres 29 de decembro. Para obter orientación durante o proceso, pódese pedir asesoramento a responsables académicos/as de mobilidade (RAM) e coordinadores/as académicos/as de Erasmus de cada centro. O enderezo electrónico de contacto xeral é: erasmus [at] usc.gal (erasmus[at]usc[dot]gal)

A solicitude realizarase en liña, a través da Secretaría Virtual da USC. O procedemento de selección estrutúrase en dúas fases: na primeira compróbase a elixibilidade das persoas candidatas por cumprir os requisitos e na segunda os centros asignan un destino ao alumnado, segundo o expediente académico, os coñecementos lingüísticos acreditados ou a adecuación ao programa ou convenio de intercambio. A adxudicación da praza de mobilidade na USC non implica que a persoa solicitante sexa necesariamente aceptada na institución de destino.

O número de créditos que ordinariamente se incluirán no acordo de estudos é o equivalente a 60 ECTS para un curso académico completo ou o equivalente a 30 ECTS para un semestre, aínda que poidan contemplarse outros límites de xeito excepcional e por circunstancias académicas acreditadas.

 

The contents of this page were updated on 12.12.2023.