Skip to main content

Enric Trillas imparte no CiTIUS da USC un seminario sobre lóxica borrosa, materia na que foi pioneiro en España

Enric Trillas imparte no CiTIUS da USC un seminario sobre lóxica borrosa, materia na que foi pioneiro en España
Enric Trillas imparte no CiTIUS da USC un seminario sobre lóxica borrosa, materia na que foi pioneiro en España

O catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Madrid, Enric Trillas, impartirá a vindeira semana no CiTIUS da USC o seminario 'Cinco leccións de lóxica borrosa', no que presentará as súas principais achegas ao campo da lóxica difusa.

Ao longo das cinco sesións nas que se desenvolverá o seminario, Trillas profundará na relación entre a lóxica difusa e as ciencias da computación, así como na súa aplicación a temáticas como o razoamento, a linguaxe ou a aritmética, entre outras.

O profesor Trillas, doutor honoris causa polas universidades de Santiago de Compostela e Navarra, foi pioneiro en España na lóxica difusa ou borrosa e un dos primeiros investigadores que se dedicaron a este ámbito da ciencia no contexto europeo, que centra o seu campo de traballo en tentar conseguir que as máquinas poidan imitar as formas de razoamento humanas.

Foi ademais presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), director xeral e vicepresidente do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), secretario xeral do Plan Nacional de Investigación Científica e Tecnolóxica, secretario da Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía e presidente da compañía Ingeniería y Servicios Aeroespaciales (INSA).

Na traxectoria de Trillas constan máis de 200 publicacións e artigos científico-técnicos e foi galardoado cos premios máis importantes que se conceden no ámbito da lóxica difusa, ademais de ser posuidor da Orde ao Mérito da República Italiana, categoría de Grande Uffiziale, a Gran Cruz do Mérito Aeronáutico ou a Medalla Narcís Monturiol ao mérito científico e tecnolóxico.

Coloquios filosóficos
Aproveitando a súa estadía na cidade, o profesor Trillas participará o martes 28 nunha sesión dos Coloquios Filosóficos en Compostela que co tema ‘Conversas sobre a creatividade’ vai ter lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos de Filosofía. Con el estarán tamén o neurocioentífico Carlos Acuña e o lingüista Guillermo Rojo.

The contents of this page were updated on 03.24.2017.