Docentes, estudantado e profesionais afondan na conectividade para o impulso do territorio intelixente
No contexto actual, a Internet das cousas e as 5G supoñen a base tecnolóxica para o impulso da economía, a conectividade de cidades ou industrias que permitirán o desenvolvemento de proxectos con tecnoloxía avanzada como a Intelixencia Artificial, Blockchain ou Xemelgos Dixitais. A xornada ‘Conectividade para o impulso do territorio intelixente’ serviu este xoves 14 para analizar o estado actual das tecnoloxías de conectividade, os retos e solucións para dispoñer dunha contorna conectada, así como a presentación de casos de uso en concellos.
Os reitores das tres universidades públicas galegas, Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) interviñeron na sesión se apertura xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. A Cidade da Cultura acolleu os arredor de 150 participantes neste foro que reuniu docentes e alumnado do IES Urbano Lugrís de A Coruña, IES Monte Neme de Carballo ou o CIFP Universidade laboral de A Coruña; docentes e estudantado da USC e da UVigo; integrantes da Asociación de Maiores de Telefónica e representantes de empresas do sector.
No transcurso da sesión abordouse tamén o futuro nodo Conectivi.gal, que se impulsará no marco da colaboración entre as tres universidades públicas galegas, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), Vodafone, Orange, Telefónica e Xunta de Galicia e que ten como obxectivo crear un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade. A xornada foi organizada por Gaiastech.