Skip to main content

Consello do Estudantado e centros xa poden solicitar as axudas para actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural

A actividade debe empregar a lingua galega e terá que executarse antes do 15 de novembro de 2024. FOTO: Santi Alvite
A actividade debe empregar a lingua galega e terá que executarse antes do 15 de novembro de 2024. FOTO: Santi Alvite
As propostas, que poderán presentarse ata o 12 de xaneiro, deberán estar abertas ao conxunto da comunidade universitaria, incorporar a perspectiva de xénero, empregar a lingua galega e recoller unha previsión do seu impacto ambiental
Lugo, Santiago de Compostela

Os centros da USC e o Consello do Estudantado xa poden solicitar as axudas destinadas ao desenvolvemento de actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural convocadas pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura para o ano 2024. As propostas que poderán presentarse ata o 12 de xaneiro teñen como finalidade dinamizar a vida das facultades e das escolas universitarias de tal xeito que sexan estas, xunto co Consello do Estudantado, as  protagonistas no deseño e execución de actividades que estean ligadas aos intereses do seu estudantado.

Só se poderá formular unha actividade por solicitude, as cales deberán ser presentadas pola persoa que represente o Consello de Estudantes, polo decano/a ou polo director/a dun centro da USC, que será a persoa encargada de realizar todos os trámites pertinentes coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, con respecto á presentación da solicitude, execución e xustificación da actividade. A iniciativa proposta, aberta ao conxunto da comunidade universitaria, ten que incluír a perspectiva de xénero no seu deseño e execución, alén de recoller unha previsión do seu impacto ambiental e de contar co aval dun mínimo de 20 estudantes por centro participante. A actividade debe empregar a lingua galega e terá que executarse antes do 15 de novembro de 2024.

Entre os criterios de valoración, terase en conta o impacto potencial da actividade na comunidade estudantil (20 puntos), o apoio do estudantado e implicación na organización das actividades (20 puntos), a calidade e adecuación da actividade ao obxecto da convocatoria (20 puntos), a adecuación do orzamento solicitado á actividade (20 puntos), a descrición da estratexia de difusión que se fará da actividade (10 puntos), así como a das ferramentas de avaliación do éxito da iniciativa (10 puntos).

As solicitudes deben presentarse na sede electrónica no procedemento ‘Convocatoria de axudas para actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural nos centros da USC exercicio 2024’. A comisión avaliadora estará integrada pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, delegado do Reitor para o Deporte, delegada do Reitor para a Igualdade, representante dos decanatos e direccións de centros docentes, representante do Consello do Estudantado, así como representantes dos ámbitos cultural e deportivo de Galicia. A secretaría será proposta pola Xerencia.

The contents of this page were updated on 12.18.2023.