Skip to main content

Aberto o prazo para solicitar as bolsas do mestrado Erasmus Mundus EMLex

Imaxe de arquivo da xuntanza do consorcio que Filoloxía acolleu en outubro. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo da xuntanza do consorcio que Filoloxía acolleu en outubro. FOTO: Santi Alvite
Este mestrado interdisciplinario en lexicografía obtivo por terceira vez o selo ‘Erasmus Mundus’
Santiago de Compostela

O mestrado Erasmus Mundus EMLex ofrece un total de 19 bolsas que poderán solicitarse ata o vindeiro 1 de marzo. As persoas interesadas deben posuír unha titulación universitaria nos eidos da lingüística aplicada ou computacional, linguas estranxeiras, tradución, medios de comunicación, estudos literarios, biblioteconomía e documentación, ou disciplinas afíns. As condicións e procedemento poden consultarse na web do programa. Este mestrado interdisciplinario en lexicografía acaba de obter por terceira vez o selo ‘Erasmus Mundus’ que outorga a axencia europea no ámbito educativo e cultural (European Education and Culture Executive Agency).

A USC é a institución coordinadora dun consorcio internacional integrado pola Károli Gáspár Református Egyetem (Hungría), Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg (Alemaña), Ilia State University (Xeorxia), Université de Lorraine (Francia), Universidade do Minho (Portugal), Università degli Studi Roma Tre (Italia) e a Stiftung Universität Hildesheim (Alemaña). A estas oito universidades súmanse outras oito entidades asociadas.

As características distintivas deste mestrado son “a súa orientación internacional, a interacción entre a teoría e a práctica, a promoción do multilingüismo (as linguas de ensino son o alemán e o inglés xunto coa adquisición doutras linguas europeas), os enfoques innovadores do ensino e a aprendizaxe, así como un amplo plan de mobilidade e unha estreita conexión cos sectores privado e social”, explica a profesora Domínguez, quen lembra que a renovación do selo estenderase ata 2030.

Para a coordinadora, “este mestrado dota o estudantado dunha formación ao máis alto nivel facilitando a súa integración nun mercado laboral global. Isto é de especial relevancia ao non existir unha vía específica para a formación lexicográfica na maioría dos países que integran o consorcio de universidades que organizan o mestrado”. Así mesmo, forma a especialistas multilingües que son capaces de deseñar novas ferramentas e recursos dixitais para o estudo e análise do léxico e as súas aplicacións. Á súa vez, o alumnado adquire coñecementos en programación, análise estatística e desenvolvemento de recursos dixitais atendendo ás novas tendencias en visualización de información en liña.

The contents of this page were updated on 12.15.2023.