Skip to main content

Presentación do manual de seguridade e prevención de riscos en laboratorios do Issga na Facultade de Ciencias

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O vicerreitor Javier Bueno e a secretaria xeral de Emprego, Covandonga Toca Carús, abren a xornada técnica este xoves, ás 10.00 horas, no salón de actos do centro

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) celebrará este xoves, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC, unha xornada técnica aberta ao público sobre prevención de riscos en laboratorios, no marco da que presentará á comunidade universitaria, así como a todas as persoas que desenvolven a súa actividade laboral ou profesional en laboratorios, un manual de seguridade elaborado polo Issga.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a secretaria xeral de Emprego, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Covadonga Toca Carús, abrirán a xornada cun breve acto institucional de benvida, tralo que comezará a quenda de relatorios programada.

A xefa de sección de Hixiene Industrial do Issga, Lucía Ferrón Vidán, presentará neste foro a guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais e o manual de prácticas en laboratorio. Ao remate da súa intervención, o xefe do servizo de Prevención de Riscos Laborais da USC, Juan Mariñas, abortará algunhas cuestións relativas a aspectos organizativos do traballo en laboratorios.

O profesor na Facultade de Ciencias e coordinador do mestrado en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental da USC, Carlos Herrero Latorre, pechará a quenda de intervencións cunha breve presentación deste programa oficial de posgrao para logo guiar un coloquio co público asistente.

The contents of this page were updated on 03.29.2017.