Skip to main content

‘Promove a industria unha alimentación sa?’, tema da Regueifa de Ciencia deste martes

‘Promove a industria unha alimentación sa?’, tema da Regueifa de Ciencia deste martes
‘Promove a industria unha alimentación sa?’, tema da Regueifa de Ciencia deste martes

Promove a industria unha alimentación sa? Con este suxestivo tema comeza este martes 28 a segunda edición de Regueifas de Ciencia, un debate con catro recoñecidos especialistas na materia e dúas posturas claramente enfrontadas. Será ás 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación con entrada libre e retransmisión en directo.

A información que recibe o consumidor acerca dos produtos alimenticios é con frecuencia a emitida polos propios produtores, e normalmente son mensaxes publicitarias que destacan as propiedades favorables dos produtos, obviando as nocivas. A caracterización desas propiedades adoita ser froito de investigacións realizadas polos propios axentes da industria alimentaria; por este motivo, cando aparecen informacións contraditorias xérase unha sensación de desconfianza no consumidor. Queda así nunha posición na que lle resulta difícil tomar decisións informadas acerca da súa alimentación e, por tanto, da súa saúde.

Á vista disto, na Regueifa deste martes analizarase o papel da industria alimentaria á hora de deseñar unha dieta sa. Son fiables os resultados das investigacións patrocinadas pola industria alimentaria?, deben os alimentos anunciar alegacións de propiedades saudables nas etiquetas? é suficiente o control que hai sobre a publicidade da industria alimentaria? deben as industrias alimentarias patrocinar ás sociedades médicas? son algunas das preguntas ás que se tentará dar resposta en Ciencias da Comunicación. Nesta ocasión participan, por unha banda, a profesora da USC e coordinadora da Unidade de Nutrición Pediátrica do CHUS Rosaura Leis Trabazo e o profesor de Bioquímica e director da Unidade de Divulgación Científica da Universidade de Murcia, autor do blog ‘Scientia’ e do libro Vamos a comprar mentiras, José Manuel López Nicolás. Na posición contraria estarán o director de Política Alimentaria, Nutrición e Saúde da Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIAB), Enrico Frabetti, e o director de Saúde e Nutrición en Coca-Cola Iberia, Rafael Urrialde de Andrés. Votación electrónica O estilo destes debates denomínase tipo ‘Oxford’, o que implica que hai dous equipos, un moderador e tempos pautados para cada intervención. Ademais, ao final ábrese unha quenda de preguntas para que o público poida resolver as dúbidas que lle puidesen quedar despois de escoitar os argumentos das partes. Regueifas de Ciencia incorporou ademais desde o seu inicio unha innovación nos debates da que se extraen curiosas conclusións: antes de comezar a sesión consúltaselle ao público (por votación electrónica) a súa opinión sobre o tema a tratar, algo que se repite ao remate. É entón cando se coñecen os resultados das dúas votacións e se pode advertir así se as intervencións calaron no público asistente. Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da USC financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT, pertencente ao Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, que busca a aprendizaxe e o enriquecemento da audiencia a través da organización de debates sobre temas clave para a sociedade.

The contents of this page were updated on 03.27.2017.