Unha mesa redonda profundará nos estudos universitarios como un valor engadido para o deporte de alto nivel
Os estudos universitarios como un valor engadido para o deporte de alto nivel serán obxecto dunha mesa redonda que se desenvolverá este mércores 20, a partir das 19.30 horas, no Salón de Actos do Colexio Maior Rodríguez Cadarso.
A sesión contará coas intervencións da presidenta da Federación Galega de Squash e graduada en Educación Infantil pola USC, Catuxa Codesido Pérez; o seleccionador español de squash e licenciado en Xornalismo pola USC, Borja Golán Santín; o subcampión de España 2023 de squash e licenciado en Psicoloxía pola USC, Pascal Gómez Valois; a número 3 de Chile en squash e licenciada en Enxeñaría con Economía, Camila Gallegos Vega; e o número 18 do mundo e número 1 de España en squash e licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Iker Pajares Bernabeu.
O evento está aberto á comunidade universitaria, integrantes de federacións deportivas galegas, clubs deportivos e outros colectivos e persoas con interese na materia. A entrada é libre ata completar a capacidade.