Skip to main content

Entrega de premios e imposición de insignias ao persoal xubilado centran a festividade da Facultade de Farmacia

De esquerda a dereita, Silvia María Reboredo García, Antonio López Díaz, Reyes Laguna Francia e Matilde Casas Parada. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Silvia María Reboredo García, Antonio López Díaz, Reyes Laguna Francia e Matilde Casas Parada. FOTO: Santi Alvite
A doutora Beatriz Brasa Arias impartiu un relatorio sobre a historia dos estudos deste centro da USC
Santiago de Compostela

A Facultade de Farmacia conmemorou este mércores 20 a festividade da Inmaculada 2023, patroa do centro, nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz e que serviu de marco para facer entrega da Insignia de ouro da Facultade ao persoal xubilado do pasado curso. A sesión tamén contou coa participación de Reyes Laguna Francia, decana do centro; Silvia María Reboredo García, subdirectora xeral de Farmacia da Consellaría de Sanidade; e de Matilde Casas Parada, secretaria da Facultade, quen deu lectura á Memoria Académica 2022-23. A doutora Beatriz Brasa Arias foi a encargada de dar lectura á lección maxistral ‘Breve historia dos estudos de Farmacia en Santiago de Compostela’.

A decana aproveitou a súa intervención para dar as grazas ao reitor polos avances  no proxecto de novo centro de Ciencias da Saúde da USC. “Estamos máis cerca de que poda plasmarse dita realidade”, afirmou a profesora Laguna Francia. “Son pasos necesarios sen ningunha dúbida que están a darse sen demora e que nos acercan día a día á Facultade de Farmacia que tanto necesitamos, e tan digna como nos merecemos”, engadiu.

Insignias, diplomas e premios

Teresa Díaz Guede, Juan Carlos García Monteagudo, Javier Ángel Guitián Rivera e Perfecto Miguel Paseiro Losada integran a listaxe de persoal xubilado o pasado curso que recibiu a Insignia de ouro da Facultade. Ademais, a sesión acolleu a entrega de diplomas ao estudantado que se doutorou no curso 2022-2023. Trátase de Germán  Berrecoso Cuña, Ana Castro Balado, Victoria Díaz Tomé, Xurxo García Otero, Patricia Vázquez Loureiro, Xián Farto Vaamonde, Ana Filipa Pereira da Mota, Sheila Barrios Esteban, Ana Castro Balado e Claudia Gioe.

A décima edición do Concurso de Ideas para Portada de Traballos de Fin de Grao da Facultade de Farmacia da USC tamén tivo o seu oco na festividade do centro. O certame recoñeceu a Marta Gerpe González (1º premio) coa portada denominada ‘Formulando o futuro’, a María Vázquez Vázquez (accésit) por ‘Un percorrido a través da farmacia’ e a Belén Fernández González (accésit) pola portada denominada ‘Xermolando o futuro’. Fixo entrega dos galardóns Sonia Fernández López, representante de Bancofar, patrocinadora do concurso. Finalmente, Martín Otero Suárez coa felicitación denominada ‘Árbore farmacéutica’ foi recoñecido no marco do Concurso de Ideas para a Felicitación de Nadal da Facultade de Farmacia.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 12.21.2023.