Skip to main content

XuvenCiencia pecha as súas V Xornadas para Profesorado logo de formar a 50 ensinantes no uso de kits de experimentación

Organizadores e participantes na V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado
Organizadores e participantes na V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, clausurou a última xornada deste proxecto desenvolvida na Facultade de Veterinaria

O grupo XuvenCiencia da USC vén de pechar a quinta edición das Xornadas XuvenCiencia para Profesorado logo de formar a medio centenar de docentes de ensino medio que, a través de diversas sesións de carácter teórico e práctico, puideron afondar na práctica investigadora ao tempo que aprenderon a manexar kits educativos que agora teñen á súa disposición para empregar nas aulas co seu respectivo alumnado.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, a directora do CFR de Lugo, María Teresa González Rodríguez, e a coordinadora de XuvenCiencia Mercedes Novo, foron algunhas das relatoras que participaron nesta derradeira xornada de formación desenvolvida na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. Este foro, que serviu de colofón dun programa no marco do que todos os ensinantes inscritos tiveron a ocasión de participar de xeito activo en obradoiros de experimentación e de análise de datos cos kits XuvenCiencia, permitiu a posta en común das actividades realizadas polo profesorado nos seus centros. Neste senso, os e as asistentes puideron tratar aspectos máis específicos de cada un dos kits na primeira parte da xornada e aspectos xerais das actividades, con todo o profesorado, nunha segunda parte.

Kits educativos e de experimentación

O Kit Vitroplant ‘Multiplicación de árbores por cultivo in vitro’ inclúe actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores. O Kit Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’ aspira a que os estudantes se inicien na anatomía e na bioloxía celular e adquiran competencias científicas básicas mediante a realización de técnicas de investigación habituais.

O dispositivo de experimentación ‘Luz, cor e vida (Kit Photonics Explorer)', desenvolvido no proxecto europeo GoPhoton!, inclúe experimentos con luz e ten sido empregado por máis de 230.000 estudantes na Unión Europea; mentres que ‘Sensores de medida de humidade no solo’ (Kit AquaLab) baséase na realización dun balance hídrico moi sinxelo no solo dunha maceta.

O kit ‘Protagoniza a túa historia! Fontes orais e ciencia’ (Kit RescueMe) está centrado no rexistro exhaustivo de memoria, isto é, a recollida e recuperación de testemuños e vivencias que aporten datos significativos ao coñecemento histórico e cultural.

Perfil e procedencia dos participantes

As persoas inscritas nas V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado proceden de centros situados nas localidades de A Guarda, Baralla, Becerreá, Burela, Cambre, Carballo, Ferrol, Guntín, Lalín, Lugo, Monforte de Lemos, O Porriño, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Quiroga, Rábade, Redondela, Salvaterra do Miño, Santiago de Compostela, Vigo, e Vilagarcía de Arousa. De todos eles, preto do 90% proceden de centros públicos.

As V Xornadas XuvenCiencia para Profesorado son parte do Proxecto “XuvenCiencia - Fago, logo aprendo” que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (FECYT). Este programa ten como obxectivo fundamental achegar a metodoloxía e a práctica investigadora ao alumnado de secundaria e bacharelato a través de kits de experimentación desenvolvidos por investigadores da universidade e baixo a titoría do profesorado de ensino medio, que conta co apoio do profesorado universitario.

González, Valcárcel e Novo, na clausura da última sesión celebrada na Facultade de Veterinaria

The contents of this page were updated on 03.25.2019.