Skip to main content

Discurso do reitor

Discurso de benvida á nova doutora Honoris Causa, Martha C. Nussbaum, pronunciado polo Excmo. Sr. Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Dr. Antonio López Díaz

Momento do discurso
Momento do discurso

Este Paraninfo da Universidade, ubicado no edificio que hoxe alberga a Facultade de Xeografía e Historia, pero que foi a referencia da Universidade dende a súa construción no solar que ocupaba o mosteiro dos xesuítas ata ben entrado o século XX, acolle  outra vez máis o solemne acto de investidura como doutores honoris causa  da profesora Martha Craven Nussbaum e do profesor Michael Keating. Grazas a todas e todos por acompañarnos neste acto tan especial.

Vivimos momentos especialmente tensos, algúns que non imaxinabamos ter que volver a presenciar á altura do século XXI no que andamos:

  • Unha guerra no corazón de Europa que vai cumprir dous anos de morte, pobreza, fame e miseria, sen que se albisque nin a fin, nin o comezo da fin, nin sequera a fin do comezo, que dixera Churchill.
  • Unha crise humanitaria sen precedentes en Oriente Medio nunha sorte de acción- reacción, un ollo por ollo e dente por dente que só pode conducir a unha cegueira global. En ambos os casos non podemos cansarnos de invocar unha e outra vez o dereito internacional, particularmente na súa faceta humanitaria, como a única vía razoable de solución, e lembrar que o uso lexítimo da forza que se atribúe aos Estados ten os seus límites no respecto aos dereitos das persoas.
  • Por último se miramos cara a dentro do noso país podemos ver horrorizados como a violencia machista, lonxe de recortarse, repunta, e podemos falar que afecta a 1,5 por cada 1000 mulleres. Na súa manifestación máis extrema computamos  53 mullleres mortas en 2023 e 1237 dende que se teñen rexistros en 2003. Mais aló da imprescindible e contundente reacción pola vía penal, imponse unha formación en valores que, partindo do recoñecemento efectivo da igualdade de dereitos de homes e mulleres, incorpore tamén a perspectiva de xénero en todos os ámbitos e políticas activas para esa igualdade efectiva.
  • Noutra orde de cousas, segue a ser unha fonte de conflitos, dentro e fora do noso país, a integración nos Estados de diversas comunidades, linguas, culturas e relixións, en definitiva a integración dos nacionalismos nas estruturas do Estado.

A Universidade, as universidades non podemos permanecer alleas aos problema que afronta a sociedade. A Magna Charta Universitatum, na súa redacción de 2020, sinala que

“As universidades recoñecen que teñen a responsabilidade de comprometerse e de responder ás aspiracións e retos do mundo e ás das comunidades locais que serven, para o beneficio da humanidade e contribuír á sustentabilidade.

As universidades teñen un papel e unha responsabilidade cívica. Son parte de redes globais, colexiadas, de investigación científica e erudición, construíndo sobre corpos de coñecemento compartidos e contribuíndo a novos avances. Están incrustadas nas culturas locais e a súa relevancia é crucial para o seu enriquecemento e futuro. Simultaneamente inmersas en e conectadas con desenvolvementos globais, intégranse completamente e asumen roles de liderado nas comunidades locais e ecosistemas.

As universidades son espazos non discriminatorios de tolerancia e respecto, onde a diversidade de perspectivas florece e onde a inclusividade, ancorada en principios de equidade e xustiza, prevalece” .

É o momento de agradecer ás nosas Facultades de Filosofía e de Ciencias Políticas, xuntamente cos respectivos departamentos de Filosofía e Antropoloxía  e Ciencia Política  e Socioloxía, a iniciativa  para estas investiduras que hoxe celebramos.
Agradecemento tamén moi especial aos  prof. Martín Gonzalez Fernández   e Maiz Suárez, por apadriñaren esta iniciativa e por teceren hoxe os discursos de gabanza dos novos doutores. Parabéns e grazas por unha mostra máis de compromiso universitario, e polo esforzo que supón condensar os méritos de toda unha vida nos tempos razoables deste acto.

Estes dous centros, conectados na súa orixe coa centenaria Facultade de Filosofía e Letras, tratan de dar respostas dende a docencia e a investigación para orientarnos en como  pensar, coñecer e actuar.

Son cuestións que remiten ás ideas, aos valores, á experiencia e aos problemas fundamentais que preocupan en cada momento histórico e no noso en particular.

Son preguntas que poñen de manifesto a necesidade de comprensión do ser humano, así como de todo aquilo que lle concirne e interesa.

Se a Filosofía  ofrece esas propostas dende a individualidade da persoa, a Ciencia Política e a Socioloxía busca solucións para a colectividade, a sociedade organizada, en definitiva dende as estruturas de poder, pero mantendo sempre o punto de conexión da Política.  Como sinala SARTORI , a ciencia empírica da política está reclamada en dúas  direccións opostas: cara arriba, en dirección á conclusividade omniexplicativa da filosofía, e cara abaixo en dirección ao terreo da acción e das ideoloxías en pugna.

A filosofía  política encargase de reflexionar sobre cuestións normativas e prescriptivas , mentres que a ciencia política busca comprender o funcionamento da sociedade colocando a democracia no centro da investigación.

Desde esta dobre perspectiva incorporamos hoxe ao noso Claustro de Doutoras e Doutores dúas novas figuras de relevancia internacional que nos enriquecen como institución, e nos aportan luz e criterio para mellor cumprir as funcións que como Universidade nos corresponde neste mundo no que nos toca vivir.

Martha Craven Nussbaum, como acabamos de escoitar na súa laudatio, é una das grandes pensadoras, nos eidos da filosofía práctica, ética e política, da  economía e do dereito, desde una posición concreta como é a súa proposta dunha orde mellor no marco das democracias formais do primeiro mundo, porque a bondade e a xustiza non son conceptos abstractos, senon actitudes que debemos cultivar na nosa vida diaria.

Porque a ética é indisociable da política as súas propostas, nas que tamén destaca o seu feminismo de xénero e universalista, cunha aposta decidida pola igualdade efectiva de dereitos entre mullleres e homes,  convértena nunha sorte de timonel moral capaz de capear o temporal pero mantendo sempre o  rumbo, aínda  nas peores borrascas e tempestades.

Finalmente cabe tamén destacar  a súa defensa do universalismo, baseado na irrenunciabilidade dos valores de dignidade e igualdade humanas, pero sen negar as diferenzas porque esa diversidade é unha riqueza que nos fai máis fortes como sociedade.

Este punto da xestión da diversidade serve de conexión con Michael Keating, a maior autoridade no que ten que ver coa xestión política desas diversidades, plasmadas en identidades colectivas. Como moi ben nos acaba de sintetizar o profesor Maiz, aínda que hai moitas outras achegas  noutros ámbitos, (políticas públicas, benestar, rexeneración urbana etc) é este ámbito das identidades nacionais o que o conectou especialmente con Galicia, e tamén no que as súas achegas son valiosísimas para a superación da oposición entre Estado e nación.

Esa superación pasa  pola introdución de novos postulados como a soberanía compartida, o federalismo competitivo de benestar ou o proceso permanente de construción nacional. Ábrense así novas canles para superar o conflito máis tradicional entre nacionalismo de Estado e nacionalismo contra o Estado, partindo dunha premisa básica como é a de que non hai ningunha maldade nesas identidades colectivas. So hai que xestionalas adecuadamente dende o punto de vista político. Parece claro, pero non significa que sexa sinxelo.

E aínda que estamos nun día de festa, parécenos de xustiza resaltar dos feitos luctuosos pero que merecen ser tamén recordados polo que representan para a nosa Universidade. Onte 17 de decembro cumpriuse un ano do pasamento da que foi a primeira muller doutora honoris causa pola nosa Universidade: Nélida Piñón, que naquel acto de 1 de abril de 1998, definiuse asi: “Teño o Brasil como patria, son filla desta amada Galicia, ...”. Ela, que nos honrou cunha inolvidable visita o 6 de outubro de 2022, que nunca sospeitamos que puidese ser a derradeira, foi quen abriu a porta pola que hoxe incorporamos a Martha Craven Nussbaum.

Tamén onte, se cumpriron 90 anos do soterramento de Alejandro Rodríguez Cadarso, falecido o 15 de decembro de 1993 nun desgraciado accidente cerca da portela da Canda. Alí, na que tradicionalmente se coñece como a Curva de Cadarso, nas Hedradas, foi descuberto este mesmo  sábado, e por iniciativa do Concello de Lubián,  un monolito no que se lembra a súa memoria, nunca suficientemente recoñecida. Cadarso, que quixo poñer a Galicia no centro da Universidade, pero sen renunciar á súa visión universal, sentiríase orgulloso da incorporación da nova doutora e doutor a esta Universidade que tanto lle debe.

Remato xa. Dicía ao comezo que a Universidade non pode permanecer allea e indiferente diante dos problemas que afectan ao mundo no que nos toca vivir, especialmente os que afectan á sociedade que temos máis próxima.  Coa investidura da profesora Martha Craven Nussbaum e do profesor Michael Keating reforzamos o noso Claustro  coas súas ideas que nos enriquecen e nos dan luz para seguir no camiño,  pero tamén sumamos dúas voces universais para demandar Paz e diálogo, e levantar unha vez máis a bandeira da defensa dos dereitos  humanos  e con eles da irrenunciabilidade da dignidade humana.

 Como figura no decálogo de Couture:

“Teñamos fe no Dereito como o mellor instrumento para a convivencia humana; na xustiza como o destino normal do Dereito, na paz como o substituto bondadoso da xustiza; e sobre todo teñamos fe na liberdade sen a que non hai Dereito nin xustiza nin paz.”