Skip to main content

Coro e Orquestra da Universidade afinan un proxecto pedagóxico común

O programa do concerto tivo como temática 'Da tradición aos nosos días'. FOTO: Santi Alvite
O programa do concerto tivo como temática 'Da tradición aos nosos días'. FOTO: Santi Alvite
Os dous colectivos realizaron o pasado 17 de decembro na Igrexa da Universidade a súa primeira actuación conxunta que xa pode verse na canle oficial de YouTube da USC
Santiago de Compostela

O Coro Universitario e a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela foron, ata o de agora, dúas unidades que desenvolveron a súa actividade de xeito independente, cada unha polo seu lado, ata o concerto que a Igrexa da Universidade acolleu o pasado domingo 17 de decembro. No devandito evento presentouse, por primeira vez, o Coro e a Orquestra formando parte dun mesmo proxecto, compartindo escenario e programa.

As persoas que non puideron asistir ao concerto xa poden gozar del na súa totalidade grazas á canle de YouTube oficial da USC. O programa do concerto tivo como temática 'Da tradición aos nosos días' e incluíu pezas de diferentes lugares, case todas elas cunha orixe común dentro da música tradicional. A idea foi amosar unha humanidade certamente común a pesar das diferentes diversidades xeográficas e culturais, entre outras.

 

Concerto de Nadal

Así, escoitouse a 'Fuga Xeográfica' de Ernst Toch (coro só), o 'Concerto para contrabaixo e orquestra' de Botesini (solista Dina Durán, contrabaixista da orquestra), as 'Danzas Húngaras' de Johannes Brahms (nº 2 e 5), 'Os teus ollos' (coro e orquestra) de X. Castro Chané, sobre a letra de C. Enríquez e orquestración de Mario Diz, as 'Danzas Rumanas' de Bela Bartok, 'Veni veni Emanuel' (coro só), anónima gregoriana, e 'Huapango' de Pablo Moncayo. Actualmente, o Coro Universitario está integrado nun proxecto pedagóxico común xunto coa Orquestra da USC, baixo a coordinación do director Mario Diz.

The contents of this page were updated on 12.22.2023.