Skip to main content

A USC e a Xunta lanzan unha campaña de doazón de voz para recoller as variedades fonéticas e dialectais de Galicia e enriquecer o proxecto Nós

O Proxecto Nós facilitará o uso da lingua galega en múltiples soportes. FOTO: Santi Alvite
O Proxecto Nós facilitará o uso da lingua galega en múltiples soportes. FOTO: Santi Alvite
O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentaron este martes na aula CEMIT de Porto do Son a campaña AgasallaNós de doazón de voz para o Proxecto Nós. Trátase dunha iniciativa na que a USC colabora coa Xunta de Galicia e que permitirá recoller a variedade fonética e dialectal de Galicia para permitir que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.

A finalidade desta campaña é crear un rexistro o máis variado posible e para iso é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais. Para conseguilo, este martes recolléronse mostras vocais de xeito presencial na proba piloto habilitada na aula CEMIT de Porto do Son. Ademais, pode facerse tamén de xeito telemático a través do novo espazo web doagalego.nos.gal creado para esta iniciativa, na que está integrada a ferramenta Common Voice, a aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas. A meta da campaña é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para garantir que o software recoñecedor de voz funcione sen problemas.

Na vangarda das tecnoloxías intelixentes

O conselleiro Román Rodríguez agradeceu a implicación da Universidade de Santiago de Compostela nesta campaña, así como a colaboración de todas as universidades públicas no desenvolvemento do Proxecto Nós, o apoio tecnolóxico da Amtega, cuxo director, Julián Cerviño, estivo tamén no acto deste martes, e o compromiso de María Baqueiro, xestora do Proxecto Nós, e os profesionais da Consellaría, nun proxecto clave para Galicia e a lingua galega.

O ‘Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial’ está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego na vangarda das tecnoloxías intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas tecnoloxías lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial. Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.

Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiras persoas, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen. O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do ILG e o CiTIUS.

The contents of this page were updated on 01.04.2024.