Skip to main content

Buscan no cemiterio do Val en Narón unha das maiores fosas creadas polos golpistas en Galicia en 1936

Traballos de busca no cemiterio do Val en Narón
Traballos de busca no cemiterio do Val en Narón
O equipo do Plan de Memoria Democrática lembra que o 26 de decembro de 1936 se levou a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia en terras galegas, na que foron asasinadas un total de 34 persoas

O equipo de investigación de Memoria Democrática da Universidade de Santiago iniciou en Santa María do Val (Narón) o proceso de busca dunha das fosas de vítimas do golpe de 1936 máis grandes de Galicia. Son polo menos 50 as familias que están a buscar familiares e parentes asasinados despois da sublevación militar en Ferrol de xullo de 1936 e que poden estar enterrados no cemiterio do Val.

A localización desta fosa enmárcase no Plan de Memoria Democrática de Galicia, co apoio da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e a Xunta de Galicia, que lle encomendou as actuacións a un equipo multidisciplinar de investigación da USC, comandado polo grupo Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra).

O grupo de especialistas da USC está formado por persoas expertas en historia e arqueoloxía, forenses e xenetistas, coa participación do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), e está coordinado polos profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez (grupo Histagra). Leva dende o ano 2021 exhumando fosas do tempo da guerra de 1936-1939 e da posguerra en Galicia.

A do cemiterio do Val é, segundo o equipo do Plan de Memoria Democrática, unha das maiores fosas comúns das que se ten constancia, dun total de 90 rexistradas hoxe en día en Galicia. Os traballos comezaron este outono coa sondaxe do xeorradar no cemiterio, e coa investigación histórico-documental, na que tamén participa a Asociación Cultural Memoria Histórica e Democrática. Mesmo é posible, estima o equipo de especialistas, que haxa máis dunha fosa, tendo en conta a información recollida e dado o elevado número de persoas alí soterradas, en diferentes datas, pois son máis de 50 os individuos asasinados entre 1936 e 1939 e posiblemente tamén na posguerra. Un asunto coñecido polos historiadores e historiadoras e moi presente na memoria da veciñanza e familiar.

O 26 de decembro de 1936, segundo revelan as investigacións do equipo do Plan de Memoria Democrática levouse a cabo unha das maiores execucións das que hai constancia en Galicia. Un grupo de 34 persoas, todos eles mariñeiros, suboficiais e oficiais de entre 19 e 40 anos, das dotacións de diferentes buques, foron fusiladas no adro da igrexa parroquial do Val, entre as 23 horas do día 26 de decembro de 1936 e as 00:30 do día seguinte. Os reos foron conducidos dende a prisión da Escollera, no Arsenal de Ferrol, executados e despois sepultados no cemiterio. Segundo as investigacións desenvolvidas, hai constancia doutros 17 asasinatos, perpetrados en seis datas diferentes nos anos seguintes, e que apuntan cara á posible existencia de seis fosas máis, pendentes de localizar dentro do mesmo cemiterio.

Algunhas das vítimas

De acordo cos resultados preliminares da investigación, poderían estar soterrados nas fosas comúns: Gabriel Cruz Mouriz, Luis Rodríguez Novás, José López Leira, Joaquín Bouzamaior Gato, Andrés Cores Fernández, Óscar Roza Ramos, Eulogio Parga Méndez, Manuel Fernández Arias, Leandro Gregorio Igelmo, Nicolás Serantes Pérez, Francisco Pardal Pouso, Francisco Bacoechea Rebollar, Manuel Gallego Fernández, Francisco Bellafont Ginart, Juan Morado Monteagudo, Reyes Antonio Yáñez Pérez e Manuel Fernández Gómez. A maioría deles vivían na comarca de Ferrol, eran mariñeiros, suboficiais e oficiais, moitos estaban casados e tiñan descendencia. Este feito constitúe un fenómeno sen precedentes na Historia galega, que permite coñecer a magnitude da violencia golpista en Galicia.

O equipo de investigación solicita agora a colaboración social para determinar a localización exacta desta fosa, identificar as vítimas e contactar coas súas familias. No caso de ter información sobre as fosas ou algunha das vítimas, solicítase que se faga chegar por vía telefónica, chamando ao 881971010, ou por correo electrónico, escribindo a histagra [at] usc.es (histagra[at]usc[dot]es).

The contents of this page were updated on 12.29.2023.