Skip to main content

A USC súmase ao Día Internacional das Mulleres

Carme Silva, á esquerda, entrega unha placa conmemorativa a Dolores Fernández
Carme Silva, á esquerda, entrega unha placa conmemorativa a Dolores Fernández
A USC fai un recoñecemento á Escola Politécnica Superior do Campus Terra polo traballo desenvolvido a prol da igualdade de oportunidades co gallo desta efeméride

A USC celebrou este martes o acto institucional conmemorativo do Día da Internacional das Mulleres no auditorio da Casa do Saber de Lugo, no marco dunha cerimonia na que se fixo un recoñecemento á Escola Politécnica Superior do Campus Terra pola súa traxectoria a prol da igualdade de oportunidades da USC e, en particular, pola iniciativa da convocatoria do concurso de traballos de final de grao con temática relacionada coa muller, a enxeñaría e o medio rural.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, foi a encargada de entregar este galardón, que recolleu a profesora da Escola Politécnica Superior María Dolores Fernández Rodríguez, no marco dunha sesión na que tamén interviron a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto, e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.

Unha intervención teatral a cargo de María Peinó e Teresa Fraga, dúas actrices da compañía de teatro USC-Lugo, que interpretarán un fragmento da peza ‘Km526’ no que falan Julia Capdevielle e María Zambrano, serviu de apertura do acto central co que a USC conmemora este ano o Día Internacional das Mulleres e no que congregou preto de medio centenar de persoas na Casa do Saber.

A lectura, a cargo da coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo, dun manifesto acordado polas universidades españolas e no que se reivindica o cometido desenvolvido polas universidades a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres na sociedade, ademais de demandar a recuperación de liñas de financiamento para afondar nos estudos de xénero e sobre a muller, abriu a quenda de intervencións deste acto. A deputada provincial Pilar García Porto e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, salientaron tamén nesta sesión tanto o seu compromiso persoal coa realidade feminina como as distintas iniciativas promovidas polas súas respectivas administracións a favor de avanzar na igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Agradecida polo recoñecemento da USC ao certame de traballos de final de grao sobre muller, enxeñaría e medio rural convocado pola Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, a profesora do Departamento de Enxeñaría Agroforestal María Dolores Fernández Rodríguez, sinalou que un dos obxectivos deste iniciativa é o de facer visible tanto a presenza como o traballo que desenvolven as mulleres nos eidos da enxeñaría, a fin de achegar estas titulacións universitarias á poboación feminina.

Fernández Rodríguez sinalou neste senso que se ben as alumnas matriculadas nos distintos títulos de grao en enxeñaría que se imparten na EPS representan o 39% do total do estudantado, estas estatísticas distan aínda moito da porcentaxe de mulleres que estudan outras titulacións nas universidade española e cuxa media se sitúa por riba do 50%, dixo, para logo engadir que “fronte a esta realidade, as estatísticas de proxección científica nas universidades e tamén de perspectivas laborais revelan que as mulleres avantaxan á poboación masculina”.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, afondou na súa intervención de clausura na necesidade de rachar cos tradicionais paradigmas patriarcais que asocian as enxeñarías con actividades propias do xénero masculino, ao tempo que salientou a pertinencia deste tipo de celebracións institucionais para continuar a avanzar na superación das fendas de xénero aínda persistentes na sociedade actual.

O Espazo de Danza da USC pechou o acto central co que a USC celebra o Día Internacional da Mulleres coa posta en escena dun avance da peza ‘Pulsos’, unha coreografía de Rosa Acuña interpretada por Vicente Ávila, Sara Domingo, Sonia L. Pumarega e Álvaro Rodríguez.

A celebración desta efeméride congregou na Casa do Saber de Lugo unha ampla representación académica do Campus Terra da USC, entre a cómpre salientar a presenza de todo o equipo directivo da Escola Politécnica Superior, ademais de parte do profesorado do centro, así como a integrante do Consello Social da USC Mercedes Paula Alvarellos Fondo.

Outras imaxes do acto conmemorativo do Día Internacional da Mulleres na USC

The contents of this page were updated on 03.07.2017.