Skip to main content

Un estudo afonda na orixe e evolución da inmunidade adaptativa

A través deste traballo, o equipo investigador logrou demostrar que os peixes teñen estruturas análogas aos centros xerminais de aves e mamíferos. FOTO: Pixabay
A través deste traballo, o equipo investigador logrou demostrar que os peixes teñen estruturas análogas aos centros xerminais de aves e mamíferos. FOTO: Pixabay
O artigo publicado en ‘Science Immunology’ e asinado polos investigadores da USC Jesús Lamas, Francisco Fontenla e José Manuel Leiro logrou demostrar que os peixes teñen estruturas análogas aos centros xerminais de aves e mamíferos onde se producen células plasmáticas que xeran anticorpos e células B de memoria
Santiago de Compostela

Os investigadores da USC Jesús Lamas, Francisco Fontenla e José Manuel Leiro acaban de participar nun estudo que contén achados relevantes relacionados coa aparición e evolución da inmunidade adaptativa en vertebrados, a cal permite recoñecer e recordar un patóxeno e xerar respostas contra el, que se ven estimuladas a través dunha exposición repetida. O artigo titulado ‘Cold-blooded vertebrates evolved organized germinal center like structures’ ocupa a portada da revista Science Immunology, e conta coa participación de investigadores das universidades de Pensilvania, Nihon, Fukui e Paris-Saclay, así como do Sechenov Institute of Evolutionary Physiology and Biochemistry de Rusia e Nofima AS de Noruega. 

Este tipo de inmunidade, baseada na aparición de células como os linfocitos ou moléculas como os anticorpos, nace nos devanceiros dos peixes actuais, hai uns 500 millóns de anos, e  mantívose, á vez que sufriu e sofre procesos de optimización, no resto dos vertebrados, incluídos os mamíferos. Neste senso, a formación de microestruturas coma os centros xerminais, onde se producen células plasmáticas que xeran anticorpos de alta afinidade ou células B de memoria posúen un papel clave no desenvolvemento da resposta inmunitaria adaptativa. Malia que a orixe destes centros se remonta aos antepasados das aves, os peixes carecen deles. A pesar desa eiva, estes vertebrados son capaces de xerar anticorpos específicos logo dunha infección ou dunha inmunización. Con todo, segundo o equipo investigador, “onde e como ocorre este proceso non era”, ata o de agora, ben coñecido.

No marco da investigación, tras as infeccións por parasitos e inmunizacións experimentais dun peixe teleósteo (troita),  identificouse a formación de agregados cunha elevada proliferación de células B IgM+ e células T CD4+, contiguas aos centros de melanomacrófagos esplénicos, os cales participan no procesamento do antíxeno durante a resposta inmunitaria.  No estudo, analízanse tamén outros aspectos como a expresión de deaminasa inducida por activación, a morte celular de linfocitos ou os cambios na rexión CDR3 dos anticorpos.

A través deste traballo, o equipo investigador logrou demostrar que os peixes teñen estruturas análogas aos centros xerminais de aves e mamíferos, nas que se producen procesos de expansión clonal de células B específicas para o antíxeno seleccionado, así como procesos de apoptose e hipermutación somática, o que indica que estes son mecanismos conservados que apareceron de xeito temperá na evolución dos vertebrados.  

The contents of this page were updated on 01.08.2024.