Skip to main content

GA-LINK, o rural a golpe de clic

GA-LINK achega ás persoas usuarias información das actividades que se celebran en cada territorio
GA-LINK achega ás persoas usuarias información das actividades que se celebran en cada territorio
Estudantes do Campus Terra da USC revitalizan o rural con GA-LINK, unha plataforma premiada no III Terra Creative Jam a través da que se dá a coñecer a oferta de lecer, así como as distintas actividades e eventos que se celebran en toda a xeografía galega
Lugo

Estudantes do Campus Terra da USC revitalizan o medio rural con GA-LINK, unha nova plataforma dixital premiada na terceira edición do Terra Creative Jam, a través da que se dá a coñecer ao público interesado a oferta de lecer, así como as distintas actividade e eventos programados nos distintos territorios da xeografía galega. Esta nova ferramenta tecnolóxica agromada no evento de xeración de ideas promovido polo Campus Terra xunto coa Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC en colaboración coa incubadora Lug Open Factory, antóllase pois como un pequeno remedio fronte á deslocalización e o descoñecemento.

A idea impulsada nun inicio por cinco estudantes do Campus Terra, pero á que na actualidade dan continuidade tres estudantes do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo pretende “dar a coñecer dunha maneira directa todas as actividades, produtos e todas as experiencias que ofrecen os pequenos pobos de Galicia”.

GA-LINK xurde en resposta, cando menos en parte, ás necesidades advertidas por Juan Hernández, Gabriel Barrigón e Abel Belhaki, tres estudantes procedentes de Albacete, Cáceres e Murcia, respectivamente, que na súa estadía en Lugo botan en falta a dispoñibilidade dunha axenda en tempo real que permita que calquera poida consultar desde o seu móbil que é o que está a suceder ao seu ao redor. Alén desta utilidade particular, GA-LINK ofrece tamén a pequenos concellos, aldeas e empresas unha plataforma aberta para darse e a coñecer e atopar so seu sitio no mapa.

Foi precisamente esa condición de vir desde fóra de Galicia a que dalgunha forma precipitou o nacemento de GA-LINK. “Ao ser de fóra sentimos dunha forma máis radical a necesidade dunha aplicación que nos facilite a estancia nun territorio completamente novo”, explican, ao tempo que comentan que “a miúdo, neste mundo hiperconectado, estamos máis informados sobre o que sucede alén do planeta que na nosa propia contorna”.

A plataforma parte dunha interface moi simple e intuitiva na que calquera usuario pode consultar todos eses eventos, festas e atractivos que pode atopar preto da súa localización. Unha sorte de mapa colectivo no que profundar nas paixóns e afeccións individuais, relatan estes universitarios.

Os promotores de GA-LINK entenden que o carácter aberto, transparente e colectivo desta plataforma pode representar un revulsivo para o rural, pois “estamos diante dunha ferramenta tecnolóxica que ten capacidade para conectar á comunidade local con turistas potenciais, aos que ofrece unha visión completa da oferta existente, o que pode contribuír ao desenvolvemento sostible e ao crecemento do turismo rural na rexión”, detallan.

Futuro da plataforma

Os tres estudantes que lideran o proxecto GA-LINK sosteñen que, a curto prazo, o futuro da plataforma é acabar o MVP (acrónimo en inglés de produto mínimo viable). A partir de aí, confían en presentar a proposta a investidores, pero tamén ao Goberno galego. Con esas bazas debaixo do brazo, estes estudantes do Campus Terra da USC pasarían a potenciar a capacidade da plataforma ampliando o catálogo de pobos, eventos e lugares incluídos en GA-LINK. A longo prazo, entre os seus desexos está chegar a todas as comunidades españolas e, no horizonte final, mesmo ao estranxeiro.

Estudantes do Campus Terra que promoveron esta iniciativa empresarial no marco do III Terra Creative Jam
Estudantes do Campus Terra que promoveron esta iniciativa empresarial no marco do III Terra Creative Jam
The contents of this page were updated on 01.09.2024.