Skip to main content

Relacións Laborais, unha ollada en feminino

De esquerda a dereita, Susana López, Silvia Moscoso e Luis Caramés. Foto: Facultade de Relacións Laborais
De esquerda a dereita, Susana López, Silvia Moscoso e Luis Caramés. Foto: Facultade de Relacións Laborais
Nunhas xornadas nesta Facultade compostelá presentouse tamén o Barómetro Galego de Equidade Laboral (EquiGal)

A Facultade de Relacións Laborais de Santiago e o Grupo Colmeiro organizan este luns unha xornada conmemorativa do Día da Muller Traballadora analizando de xeito multidisciplinar a situación da muller no eido laboral. Na sesión inaugural interviñeron a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, a decana da Facultade, Silvia Moscoso, e o coordinador do Grupo Colmeiro, Luis Caramés, que deron paso á presentación do Barómetro Galego de Equidade Laboral (EquiGal) da man do propio profesor Caramés, e da directora deste proxecto María Bastida.

A análise da evolución temporal do índice de equidade suxire que a medida que se recupera o emprego, o mercado laboral se converte en menos equitativo. Esta é unha das ideas recollidas en EquiGal, informe en cuxa elaboración tamén colaborou o catedrático da Facultade de Matemáticas Juan J. Nieto. Como explica a profesora María Bastida, segundo o barómetro a situación máis equilibrada corresponde ás taxas de paro e asalarización, se ben a situación se equilibra nas de actividade, ocupación e temporalidade “aínda que con lixeiros desequilibrios a favor das taxas masculinas”.

Entre as súas conclusións, o informe específica que o comportamento dos índices presenta rixidez dende o ano 2010. Na evolución no período 2015-2016 apréciase unha lixeira melloría en actividade e ocupación e un leve empeoramento na equidade en indicadores de paro, temporalidade e parcialidade. A profesora Bastida tamén explica que mentres que no período 2010-2014 se avanza cara a equidade no mercado laboral, a partir deste último ano prodúcese un estancamento, coincidindo co inicio da recuperación económica. Unha posible explicación, “cando a situación dos homes é mala, coma a da crise ata 2014, hai máis equidade. Non obstante, cando mellora a situación, hai máis desequilibrio”, aclara a directora do proxecto. No caso específico de Galicia, este estudo sinala que a situación da muller é lixeiramente máis equitativa nesta comunidade en comparación co resto do estado.

A xornada matinal completouse cunha sesión sobre emprendemento feminino a través de cooperativas e rematará coa celebración a partir das 16.30 horas do taller formativo ‘Porque non podemos prescindir do 50% da sociedade’. Esta é a primeira dunha serie de iniciativas coas que a Facultade de Relacións Laborais busca poñer o foco na situación laboral das mulleres, nesta ocasión prestando especial atención ao enfoque económico, empresarial e psicolóxico. No vindeiro curso 2017/2018 o fío condutor da xornada será o enfoque legal e sociolaboral da igualdade.

Como explicou a decana Silvia Moscoso o actual equipo directivo da Facultade ten entre os seus obxectivos prioritarios a aposta pola educación en igualdade e pola concienciación sobre os problemas que afronta a muller no mercado do traballo. A través deste tipo de actividades búscase achegar ideas e reflexións dende distintos puntos de vista, transferir novas iniciativas á cidadanía e implicar aos alumnado na procura dunha sociedade máis igualitaria e xusta.

The contents of this page were updated on 03.06.2017.