O Oral Sciences Research Group descobre novos biomarcadores para o diagnóstico da periodontite
Actualmente, a periodontite segue sendo unha das enfermidades máis prevalentes en todo o mundo, afectando a case a metade da poboación. Esta patoloxía non só ten un grande impacto na saúde oral, senón que tamén foi asociada con máis de medio cento de enfermidades sistémicas. Agora, o Oral Sciences Research Group da USC acaba de empregar a nova técnica de proteómica SWATH-MS para estudar esta patoloxía, “algo inédito ata o momento”, sinalan. A investigación permitiu o descubrimento de novas proteínas “cunha excelente capacidade para detectar a periodontite antes e despois do tratamento” tanto no fluído xinxival crevicular como na saliva presentando valores de precisión superiores ao 90%.
Entre estes biomarcadores destacan a isoforma 2 da cadea de tropomiosina alfa-3, a resistina, a beta-2-microglobulina, ademais de diversas queratinas, sendo este estudo o primeiro en determinar a precisión diagnóstica destas proteínas. O achado adquire aínda máis importancia ao ter en conta que a periodontite é silente, non produce sintomatoloxía ata fases moi avanzadas nas cales xa é irremediable a perda dentaria. Por este motivo, “é esencial realizar un diagnóstico precoz e preciso, no cal os biomarcadores moleculares poderían ser ferramentas especialmente útiles”, apuntan dende o equipo investigador.
Este é o primeiro estudo en determinar a precisión diagnóstica destas proteínas mediante técnicas de machine learning. Estes achados forman parte dunha ampla liña de investigación que desenvolve o grupo liderado pola profesora Tomás dende hai máis de dez anos, centrada na aplicación de diversas tecnoloxías ómicas, tales como a metaxenómica do xene 16S ou a proteómica, para o descubrimento de biomarcadores bacterianos ou moleculares nos fluídos orais para o diagnóstico de enfermidades orais, como é o caso das enfermidades periodontais. O obxectivo final é contribuír ao avance da aplicación das tecnoloxías ómicas no ámbito clínico, como paso clave na futura medicina personalizada e de precisión.
Tribunal e cualificación
Estes resultados forman parte da tese doutoral con mención internacional de Triana Blanco, dirixida polas doutoras Inmaculada Tomás e Manuela Alonso, e na que colaborou a Unidade de Proteómica do IDIS dirixida por Susana Bravo. O tribunal estivo integrado polo profesor da USC Francisco Gude, Áurea Simón da Universidade de Sevilla e Luis Miguel Moutinho do Instituto Universitário de Ciências da Saúde da Cooperativa de Ensino Superior Politécnico e Universitário de Portugal. A tese recibiu a cualificación de cum laude. Ademais, a relevancia destes resultados foi recoñecida a través da súa publicación en revistas de alto impacto.