Skip to main content

Unha xornada aborda a transferencia de coñecemento desde as Ciencias Sociais e as Humanidades á sociedade

Levar o resultado das investigacións das aulas á sociedade é clave para o desenvolvemento económico. FOTO: Santi Alvite
Levar o resultado das investigacións das aulas á sociedade é clave para o desenvolvemento económico. FOTO: Santi Alvite
O prazo para inscribirse no evento, que se desenvolve na Facultade de Filoloxía este luns, remata o domingo 14 de xaneiro

A investigación en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas é xeradora de coñecemento con potencial de cambio social e desenvolvemento económico, e transferir os seus descubrimentos á sociedade é un dos obxectivos da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC. Para difundir as posibilidades existentes neste eido, a AVTE organizou unha xornada para o luns 15 de xaneiro a partir das 11.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. A inscrición para a asistencia pode facerse en liña ata o domingo 14 de xaneiro.

A xornada, que será inaugurada polo reitor Antonio López, enmárcase nun programa que ten como obxectivo estimular os procesos de transferencia de coñecemento á sociedade a través de accións que faciliten a implicación doutros axentes sociais e económicos no uso e rendibilización dese coñecemento e leva por título 'Transferencia de coñecemento. Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas. Experiencias e programas de dinamización'.

Relatoras e relatores de varias universidades presentaran programas para a fomento da transferencia en diferentes áreas de coñecemento, así como experiencias de implementación de coñecemento universitario con impacto social e económico. Na primeira mesa, sobre programas, falarán a decana da Facultade de Inglés da Universidade de Oxford, Christine Gerrard; Beatriz Iribarren e Ana Belén Hernando da Universidade Carlos III e o director da AVTE da USC José Luis Villaverde Acuña. Na segunda mesa, sobre experiencias, falará de novo Christine Gerrard, así como o promotor do Smart Classroom Project, spin off xurdido da Universitat Oberta de Catalunya, e a director da Cátedra Valle-Inclán da USC, Margarita Santos Zas.Tamén haberá un relatorio sobre 'Valoración social dos coñecementos en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas. Evidencias do sexenio de transferencia' a cargo da catedrática Julia Olmos Peñuela, da Universitat de València. O evento rematará cunha sesión de intercambio e networking entre as persoas asistentes.

The contents of this page were updated on 01.10.2024.