Skip to main content

Unha investigación aborda a comunicación cifrada nas composicións dos trobadores galego-portugueses

Detalle da mostra 'Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas'. FOTO: Xunta
Detalle da mostra 'Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas'. FOTO: Xunta
O estudo de Xabier Ron Fernández abrangue preto de medio milleiro de textos de máis dun cento de trobadores con declaracións a mulleres da nobreza mediante unha serie de códigos para non poñer en perigo o segredo dese vínculo amoroso
Santiago de Compostela

Logo da análise de 471 textos pertencentes a máis dun cento de trobadores, o grupo de investigación de Románicas da USC logrou profundar nas estratexias de comunicación cifrada empregadas nestas composicións galego-portuguesas nas que se declara o amor a mulleres da nobreza. As diferenzas de clases leváronos a fixar unha cláusula de silencio e unha serie de códigos para non poñer en perigo o segredo dese sentimento, tal e como se desprende do estudo liderado por Xabier Ron Fernández.

O Grupo de Investigación de Románicas da USC aborda diferentes liñas de estudo vencelladas coa Idade Media. Agora, o doutor en Filoloxía Románica Xabier Ron Fernández acaba de publicar un traballo centrado na influencia da oralidade nos relatos amorosos dos trobadores galego-portugueses. Esta monografía editada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, representa a culminación de tres décadas de investigación do autor.

O investigador remarca o feito de que na Idade Media todo era oral, o que repercutía na maneira de compoñer, de contar a historia e de divulgar as cancións por parte dos trobadores. Segundo explica, “os trobadores tiñan que realizar unha especie de peregrinación (coñecida como itinerarium ad Dominam) a través da cal debían amosar os seus valores corteses para ser dignos de recibir a aceptación da dona. Por iso, facer unha cantiga era entregarlle un don á señor, un don que se divulgaba de xeito oral, con acompañamento da música”.

Esta relación producíase entre partes desiguais da cadea social. Por este motivo, tal como sinala o experto, entre a señora e o servidor había un pacto ou xuramento de fidelidade con deberes e dereitos para ambos, unha cláusula de silencio que impregna as cantigas. “Ante a imposibilidade do trobador de declararlle o seu amor en público, esta relación tiña que ser confidencial, polo que nas súas cancións debe calar moitas cousas, encubrir, disimular, protexer a súa amada mediante unha serie de xogos poéticos. Ademais, establecíanse entre eles uns códigos descoñecidos para o resto como olladas, acenos, xestos… porque esta declaración de amor ocorre en público, ante un auditorio, que, por motivos sociais, non pode decatarse de quen é a verdadeira destinataria”, argumenta o investigador da USC.

Ata o de agora non existían traballos centrados neste aspecto. Xabier Ron analizou un total de 1197 cantigas de amor da lírica galego-portuguesa, das que finalmente seleccionou 471 textos de 101 trobadores diferentes para incorporar a este traballo. O estudo afonda nas prácticas comunicativas empregadas para salvar o itinerarium ad Dominam, é dicir, para lograr a aceptación da dona de xeito confidencial e non poñer en perigo o segredo de amor. Segundo indica, “algunha destas prácticas adquire unha forma moi interesante, como a decisión da señor de consentir ou non que o servidor dea un paso adiante co seu trobar e permitirlle non só chamala ‘senhor’, senón tolerar que el lle diga que ‘quere ben’ dela. Este consentimento convértese nun don moi prezado que recompensa o servizo de amor pero aparece oculto mediante o emprego de estratexias de comunicación cifrada nunha gran cantidade de cantigas de amor e mesmo de amigo”.

O experto apunta que nestas cantigas hai unha serie de “motivos poéticos” esenciais, un ou dous en cada composición, como a forza dos rumores (positivos e negativos), a imposibilidade de confesar o amor á señor ou a relevancia do mandado (unha mensaxe que se enviaba a través dun mandadeiro que transmite oralmente que o namorado e servidor chegará axiña para atoparse coa namorada e señor). Xabier Ron logrou reunir máis dunha ducia de grandes temas neste volume.

O autor apoiouse na historia e na antropoloxía para contrastar a información literaria que achegan as cantigas. Conseguiu demostrar así que a realidade histórica da época —en particular o tipo de feudalismo e a estrutura da sociedade que había en Galicia e no norte de Portugal— influíu moito nestas composicións poéticas. No seu estudo inclúe táboas con recompilacións e esquemas que facilitan o seguimento dos diferentes argumentos. Figuran todos os autores estudados, as cantigas acompañadas dunha síntese dos motivos amorosos e un repertorio cos fragmentos máis significativos dos 471 textos analizados.

A muller, protagonista e dominante

A pesar do que se pensaba ata hai pouco e segundo destaca o investigador, na Idade Media a muller era protagonista e epicentro da relación feudovasalática. “Diversos estudos permiten vigorizar o rol de muller e liberala da resignada submisión e das catro paredes do fogar”, salienta o experto. Así, nesta monografía vemos como a través dos textos poéticos se manifesta ese rol aristocrático da dona na súa relación de dominio sobre o trobador-servidor, opoñéndose ás intencións de ‘máis’ do servidor. Así mesmo, as nais aparecen como protectoras non só das súas fillas, senón tamén da liñaxe á que pertencen.

The contents of this page were updated on 01.16.2024.