Skip to main content

O IGFAE achegará a ciencia de vangarda a alumnas de bacharelato cunha práctica con datos reais do CERN

A Masterclass ofrece unha oportunidade e unha experiencia enriquecedora para as alumnas, que terán a oportunidade de achegarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón a día a día da carreira investigadora e farano, ademais, aprendendo sobre a historia das mulleres na ciencia
A Masterclass ofrece unha oportunidade e unha experiencia enriquecedora para as alumnas, que terán a oportunidade de achegarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón a día a día da carreira investigadora e farano, ademais, aprendendo sobre a historia das mulleres na ciencia
O prazo para inscribirse para a V Masterclass de Física de Partículas que o Instituto organiza con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia abre este luns 15 e pecha o domingo 28 de xaneiro
Santiago de Compostela

A V Masterclass de Física de Partículas organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) terá lugar o venres 9 de febreiro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, co obxectivo de achegarlles a física ás alumnas inscritas, que poderán realizar unha práctica experimental con datos reais do CERN. Farano a través das propias investigadoras do IGFAE, que compartirán algunhas claves do seu traballo e amosarán referentes femininas para as futuras xeracións de investigadoras.

A actividade desenvólvese para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que se celebra cada ano o 11 de febreiro. En 2024 a xornada adiántase dous días debido a que o 11 é domingo e nela poden inscribirse alumnas de 1º de bacharelato de institutos de Galicia.

O IGFAE, centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, considera que é esencial promover o acceso á ciencia e a participación plena e equitativa de todas as persoas, especialmente en disciplinas como a física de partículas, onde persiste unha notable fenda de xénero, cunha escasa presenza feminina. Por iso nesta xornada abre as súas portas ás mozas galegas, para que coñezan o traballo do centro e tomen contacto con este campo, gozando dunha experiencia inesquecible e coñecendo as tarefas cotiás das investigadoras que traballan na disciplina.

Número de prazas

O número de prazas está limitado a 60 participantes en total, e dúas alumnas de 1º de bacharelato por instituto, con posibilidade de ampliar a tres en función da evolución das inscricións. A xornada pode ser un incentivo para decantarse por carreiras científicas, polo que cómpre ter presente este criterio na selección das participantes. Ademais, dado que a discusión dos resultados será en inglés, debería tamén considerase este aspecto.

O formulario de inscrición estará aberto desde o 15 ata o 28 de xaneiro ás 23.59 horas. O profesorado que acompañe as estudantes pode asistir e incluso participar activamente na Masterclass, se así o desexa, o que deberá indicar no formulario. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada e o IGFAE farase cargo da manutención.

Programa da Masterclass

Durante a mañá, as asistentes afondarán no coñecemento da física de partículas cunha serie de conferencias introdutorias. A continuación realizarase unha sesión práctica por ordenador, na que se utilizarán datos reais dun experimento do CERN. Os resultados discutiranse posteriormente por videoconferencia con investigadoras do CERN, así como con alumnas doutros países que tamén participan na Masterclass. Nesta edición, á videoconferencia que se celebra en Santiago tamén se unirán estudantes de Brasil, Bulgaria e Italia.

Na sesión da tarde haberá unha charla-coloquio que poñerá o acento nas figuras de moitas mulleres, procedentes de diferentes culturas, países, clases, etnias e condicións, que fixeron grandes achegas á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar, pero que seguen sendo en moitos casos bastante descoñecidas.

A Masterclass ofrece, por tanto, unha oportunidade e unha experiencia enriquecedora para as alumnas, que terán a oportunidade de achegarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón a día a día da carreira investigadora e farano, ademais, aprendendo sobre a historia das mulleres na ciencia. A xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas, promotor da Masterclass, e a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN).

The contents of this page were updated on 01.16.2024.