Skip to main content

Acto institucional da Escola de Práctica Xurídica

O reitor da Universidade de Santiago preside este venres 3 o acto institucional da Escola de Práctica Xurídica, no que se despide a cuarta promoción do Máster Universitario en Avogacía (MUA) e se recoñece a traxectoria dos profesionais e institucións que colaboran coa Escola.

No acto solemne, a celebrar ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, participarán o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suances; o presidente do Colexio da Avogacía Galega, Evaristo Nogueira; o director da Escola de Práctica Xurídica, Lotario Vilaboy; e o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte. Prevese a asistencia de máis de 300 persoas, cunha ampla representación institucional dos ámbitos xudicial, fiscal, da avogacía, das administracións autónomica e local, das forzas e corpos de seguridade e dos profesionais e alumnos da Escola.

A cerimonia servirá tamén para facer un recoñecemento público ás institucións e profesionais que colaboran coa Escola no desenvolvemento das materias de prácticas externas do grao en Dereito, de prácticas externas do posgrao en administracións públicas, órganos xudiciais e despachos de avogados e das prácticas en concellos que subvenciona a Deputación da Coruña. Dun xeito particular, serán homenaxeados os xuíces, fiscais e avogados de Santiago, os letrados da Xunta que traballan na cidade e a Deputación provincial da Coruña.

Actualmente cursan o MUA 116 estudantes no campus de Santiago e 34 no de Lugo, sendo a formación impartida por profesionais tanto do ámbito universitario como dos diferentes colectivos profesionais relacionados coa práctica forense. Ademais, a Escola colabora na formación continua dos avogados composteláns, dos procuradores galegos e doutros profesionais relacionados co sector da xustiza, así como nas prácticas externas do Grao en Dereito e ten previsto nun futuro ampliar o seu abano de actividades á formación inicial doutros colectivos profesionais do eido xurídico.

The contents of this page were updated on 03.02.2017.