Persoal investigador do Campus Terra aborda a xestión da auga en Mondoñedo e Burela co proxecto ‘Ciencia á feira’
Persoal docente e investigador da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC abordará este xoves es venres en Mondoñedo e Burela a xestión sustentable da auga en Galicia, no marco do proxecto ‘Ciencia á feira’, unha iniciativa de I+D impulsada polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia co apoio da FECYT e liderada pola profesora Montserrat Valcárcel.
A xestión sustentable dos recursos hídricos en Galicia centrará as distintas sesión divulgativas programadas polo equipo promotor de ‘Ciencia á feira’ ao longo deste primeiro trimestre de 2024, un período no que as persoas implicadas neste programa acudirán os días de feira ou mercado municipal a distintos concellos da provincia de Lugo con actividades tanto para escolares como para a veciñanza en xeral.
Neste bloque temático, as charlas afondarán sobre ciclo natural da auga e o ciclo urbano: procesos de depuración, o cuestionar a idea establecida de que en Galicia chove moito e temos exceso de auga e que, polo tanto, non nos urxe tomar medidas de aforro para paliar os efectos do quecemento global. As distintas sesións servirán asemade para trasladar datos sobre consumos domésticos e de usos agrícolas: canto gasto de auga supón unha ducha, un baño, lavar as mans ou lavar a louza?
A programación desta segunda quenda temática do proxecto ‘Ciencia á feira’ comeza este xoves 18 de xaneiro, a partir das 10.30 horas, no Ies San Rosendo A Granxa, de Mondoñedo, onde a comitiva da USC participará tamén, a partir das 12.30 horas, nunha sesión aberta á veciñanza que se celebrará no salón de plenos do consistorio mindoniense.
A delegación universitaria de ‘Ciencia á feira’ visitará o venres Burela, coincidindo coa celebración do mercado semanal na vila mariñá. A primeira sesión informativa comezará ás 9.30 horas, no Ies Perdouro, para logo manter un encontro coa veciñanza, a partir das 11.30 horas, nas instalacións da Casa da Xuventude.
Ao igual que se fixo coas actividades do primeiro trimestre de ‘Ciencia á Feira’, no que a temática versou sobre as doenzas transmitidas por carrachas e a súa prevención, o equipo de XuvenCiencia deseñou tamén para esta segunda quenda do programa diverso material informativo e de divulgación, para o que contou coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.
Relatores e calendario
O elenco de relatores que participará nestas primeiras charlas de ‘Ciencia á feira’ sobre a xestión da auga estará formado pola coordinada do programa, Montserrat Valcárcel, así como polos tamén docentes da área de Enxeñaría Agroforestal na EPS de Enxeñaría da USC Jorge Dafonte, María Teresa Teijeiro Rodríguez, Javier José Cancela Barrio e Tomás Cuesta García.
Logo destas primeiras intervencións en dous concellos da Mariña luguesa, as charlas sobre xestión sustentable da auga en Galicia continuarán en Navia de Suarna (29 de xaneiro), Muras (9 de febreiro), Sober (12 de febreiro) e Friol (3 de marzo para público xeral e 4 de marzo, no CPI da localidade).