Skip to main content

Un estudo da USC e da UC3M constata que a credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Alumnado consulta o móbil nun posto de lectura. Foto: Santi Alvite
Para a realización do estudos consultáronse un total de 1.800 persoas. Foto: Santi Alvite
O 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos está de acordo con que a ciencia busca a verdade e a fai pública, fronte a un 90,2% de persoas adultas de máis de 65 anos que apoia esta afirmación

Unha investigación da USC e da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) analizou como se informou a cidadanía en España durante a pandemia da COVID-19 e a súa percepción sobre o papel de xornalistas, medios, comunidade científica e autoridades gobernamentais e sanitarias. O estudo asinado polos profesores da USC Alberto Quian e Xosé Soengas, xunto a Carlos Elías da UC3M, conclúe, entre outras cuestións, que a mocidade confía menos na ciencia que a xente de maior idade. En concreto, un 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos está de acordo con que a ciencia busca a verdade e a fai pública, fronte a un 90,2% de persoas adultas de máis de 65 anos que apoia esta afirmación.

Ademais, a porcentaxe de mocidade desta mesma idade que cre que a ciencia é un perigo para a humanidade case triplica a quen sostén esta opinión entre os máis maiores. Estes son algúns dos datos que se desprenden deste estudo, publicado recentemente na revista Profesional de la Información. Os resultados suxiren que aumenta a desconfianza na ciencia entre a mocidade, algo que explica, por exemplo, a escaseza de vocacións científicas neste segmento, tal e como apuntan os investigadores. O traballo, financiado por fondos FEDER, da Comunidade de Madrid e do Ministerio de Ciencia e Innovación, baséase nunha enquisa descritiva a unha mostra de 1.800 persoas representativas da poboación española, maiores de idade e residentes nas 17 comunidades autónomas, realizada entre o 6 e o 22 de xuño de 2022.

"É paradoxal, e moi preocupante, que as xeracións con maior acceso á información e á educación, as mellor formadas na historia de España, son as que menos información consomen e as que máis desconfían da ciencia e do xornalismo, dous campos que comparten a procura da verdade. Debemos facer unha reflexión profunda sobre que está a pasar", sinalan Alberto Quian e Xosé Soengas. “A xente nova non quere enrolarse en carreiras de ciencia, tecnoloxía e matemáticas, porque cre que a ciencia non é un método para a procura da verdade e que mesmo é perigosa para o futuro do ser humano”, indica Carlos Elías.

Idade e ideoloxía

Os resultados deste traballo apuntan que a idade e a ideoloxía son os factores que máis condicionan o uso de diferentes tipos de fontes informativas. Segundo o estudo, as persoas que máis consultan medios de comunicación tradicionais son as que se sitúan no centro político, mentres que as de esquerdas adoitan recorrer máis a fontes oficiais (como as autoridades sanitarias); ao contrario que as que se sitúan na dereita, que prefiren máis os organismos de investigación ou as universidades. Por outra banda, “os antivacinas, en cambio, prefiren as fontes alternativas. Isto explícase porque os medios tradicionais si son favorables ás vacinas”, sinalan os investigadores.

Os resultados deste traballo poderían atopar aplicación no ámbito educativo e de políticas públicas, segundo os investigadores. “Cremos que hai que incidir nos colexios, nos institutos e nas universidades, en algo que se chama ‘educomunicación’, para que os mozos entendan cales son as fontes solventes e as implicacións da ciencia e o método científico”, conclúen.

The contents of this page were updated on 01.18.2024.