Skip to main content

Unha investigación define pautas para desenvolver plantas de pintado de vehículos ecoeficientes

A tese aborda análise de ciclo de vida do proceso de pintado nunha planta real de vehículos. FOTO: Pexels
A tese aborda análise de ciclo de vida do proceso de pintado nunha planta real de vehículos. FOTO: Pexels
A tese de Daniel Granadero Rey abordou diferentes alternativas para reducir as emisións de formaldehido, unha substancia química que dende 2015 a UE identifica como potencialmente canceríxena
Santiago de Compostela

O formaldehido é unha substancia química que dende o ano 2015 está identificada pola Unión Europea cos indicadores de perigo H350, ‘pode provocar cancro’, e o H341, ‘sospeitoso de provocar defectos xenéticos’. Un dos sectores industriais afectados pola reclasificación do formaldehido é a industria do automóbil e, en particular, as operacións de pintado de vehículos debido á presenza de resinas de melamina na composición das pinturas. Agora, un estudo da USC aborda unha análise de ciclo de vida do proceso de pintado nunha planta real de vehículos e unha análise de ecoeficiencia das diferentes alternativas para reducir as emisións desta substancia.

A clasificación de substancias e mesturas revísase e corríxese continuamente na Unión Europea para reflectir as adaptacións ao progreso técnico e científico. Por conseguinte, todas as industrias contempladas na Directiva Europea sobre as emisións industriais deberán substituír, na medida do posible, o formaldehido por substancias menos perigosas. Ademais, “se non poden evitarse as súas emisións, debe respectarse un valor límite de emisións significativamente máis estrito nos seus focos de emisión”, explica Daniel Granadero Rey, autor da tese titulada ‘Defining the most eco-efficient vehicle paint shop in view of formaldehyde emissions performance’.

A investigación dirixida dirixida polos profesores Francisco Omil Prieto e Gumersindo Feijoo Costa pretende avaliar o impacto de dita reclasificación nas plantas de pintado de vehículos dende un punto de vista medioambiental, económico e de cumprimento legal. O proxecto de investigación desta tese de doutoramento, para a cal foi outorgada a mención de Doutoramento Industrial pola USC, xorde dun convenio de colaboración establecido entre a empresa fabricante de vehículos Opel, con sede en Alemaña, e o Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). O estudo pon de manifesto a importancia dunha estreita colaboración entre as empresas e o sector académico na busca de respostas a problemas concretos.

Cumprimento do límite legal

No marco desta tese de Doutoramento Industrial levouse a cabo un estudo detallado en diferentes plantas de produción de vehículos, incluíndo a avaliación do cumprimento do valor límite legal de emisión aplicable mediante medicións das concentracións de formaldehido nas chemineas dos procesos de pintado afectados, unha avaliación das posibilidades para reducir ou eliminar as emisións de formaldehido, incluíndo a substitución de materias primas e a instalación de equipos de redución de gases residuais, e un estudo económico das diferentes posibilidades. Como pasos esenciais deste traballo, realizouse unha análise de ciclo de vida do proceso de pintado nunha planta real, ferramenta metodolóxica que serve para medir o impacto ambiental dun produto, servizo, proceso ou sistema ao largo de todo o seu ciclo de vida.

Os resultados permitiron presentar unha proposta sobre a planta de pintura de vehículos máis ecoeficiente considerando o impacto das emisións de formaldehido que finalmente foi aplicado en diversas factorías do grupo automobilístico.

The contents of this page were updated on 01.19.2024.