Skip to main content

Actuacións e proxectos

O obxectivo principal de CETUR é a investigación, a docencia, a información, a formación continua e o asesoramento técnico sobre calquera aspecto relacionado co turismo no contexto territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A actividade do CETUR estructúrase en diferentes áreas de traballo, asociada cada unha delas aos obxectivos estratéxicos e operativos establecidos.

Son:

  1. Área de actividades docentes, na que se promoven e desenvolven cursos de especialización e/ou formación continua no campo do turismo.
  2. Área de investigación, encargada de incentivar, promover e coordinar os diferentes equipos de investigación integrados no propio CETUR.
  3. Observatorio Turístico, no que se realiza un seguimento do sector turístico a partir da análise e estudo das súas principais compoñentes de oferta e demanda.
  4. Área de relacións exteriores, encargada de propor e asinar convenios con outros centros converxentes co CETUR, estimulando principalmente a colaboración intercentros a nivel nacional e internacional.
  5. Área de actividades, destinada á promoción e desenvolvemento de todo tipo de actos e actividades destinadas á divulgación e aprendizaxe de coñecementos relacionados co turismo (seminarios, congresos...).

O programa de actividades proposto desde o CETUR enmárcase fundamentalmente en tres eixos de actuación. En particular:

  • O Observatorio Turístico das cidades de Lugo e Santiago de Compostela, continuando co traballo iniciado e desenvolvido ao longo dos anos 2005 e 2006.
  • Estudos e proxectos encargados por diferentes administracións públicas e polo sector privado
  • Formación, tratando de abranguer as distintas áreas e temáticas que, ao noso entender, son na actualidade de especial interese para o sector.

Como continuidade do traballo iniciado no ano 2005 e 2006, o CETUR desenvolve as distintas liñas de investigación incluídas no Observatorio Turístico, en particular, estudo de caracterización da demanda turística, análise da oferta turística (aloxamento e restauración, principalmente), estudo de percepción e valoración da poboación local e ocupación hoteleira. Santiago de Compostela e Lugo son, unha vez máis, as cidades incluídas no Observatorio Turístico. O feito de dispormos dunha serie de dous anos vai permitir comezar a facer comparacións interanuais. No ano 2007 incorporouse o Observatorio do camiño de Santiago, financiado pola Xunta de Galicia. Así como se iniciou a colaboración co Observatorio urbano de Compostela que lidera o Consorcio da cidade.

O Observatorio Turístico é un proxecto de investigación no que colaboran diferentes institucións e que pretende recoller e recompilar a información referente aos visitantes que recibe a cidade. Entre estas institucións está o CETUR, un centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela dedicado ao estudo do turismo en Galicia, que se atopa dentro do Instituto Universitario para o Estudo e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Para a análise do turismo nunha cidade, o seu impacto, as súas impresións, as súas características… elaboramos unha serie de cuestións para que os visitantes expresen a súa opinión e deste xeito poder analizalo.

Para facer este traballo, elaboramos un cuestionario que reflicte aqueles aspectos que consideramos importantes no turista, e a partir deste elabórase un informe no cal recollemos toda a información. Deste xeito os entes públicos de toma de decisións, teñen un criterio para levar a cabo as súas accións.

O turismo comprende as actividades que realizan as persoas durante as súas viaxes e estancias en lugares distintos aos do seu entorno habitual, por un período de tempo consecutivo inferior a un ano, con fin de ocio, negocios e por motivos non relacionados co exercicio dunha actividade remunerada no lugar visitado. Todos os viaxeiros relacionados cos esta definición de turismo denomínanse visitantes. Os visitantes á súa vez poden ser turistas, aqueles que permanecen cando menos unha noite nun aloxamento colectivo ou privado da zona visitada, e os excursionistas, que son aqueles que non pernoctan nun medio colectivo ou privado da zona visitada (incluídos os pasaxeiros de cruceiros).

A realización de estudos e proxectos estará en relación coas solicitudes que se nos fagan desde as administracións públicas e o sector privado, considerando sempre a capacidade para levalo adiante. Entre os traballos, que xa están comprometidos, figura o proxecto financiado, por convocatoria pública, pola Dirección Xeral de I+D da Xunta de Galicia sobre as necesidades de aloxamento turístico en vilas e cidades históricas. Un convenio con Turismo de Santiago permitirá manter e ampliar o estudo sobre turismo de reunións en Santiago de Compostela. Finalmente, estase a colaborar na elaboración das propostas do Plano Estratéxico da Provincia da Coruña, no Observatorio Urbano de Santiago e na proposta para a solicitude dun Plano de Dinamización do Produto Turístico da área metropolitana da Coruña.

The contents of this page were updated on 04.26.2024.