Skip to main content

A mostra ‘Esencial’ chega á Igrexa da Universidade para conmemorar o centenario do nacemento de Jesús Díaz Ferrer

Díaz Ferrer foi un protagonista activo nos cambios da arte europea dos últimos 80 anos. FOTO: Santi Alvite
Díaz Ferrer foi un protagonista activo nos cambios da arte europea dos últimos 80 anos. FOTO: Santi Alvite
Neste percorrido polos 77 anos de carreira do artista, exhíbense 48 debuxos, bosquexos e gravados de todas as súas etapas creativas, ademais de 47 deseños de estampado para teas
Santiago de Compostela

A exposición 'Esencial', unha mostra conmemorativa do centenario do nacemento do pintor valdeorrés (1922-2022) Jesús Díaz Ferrer, bota a andar este luns 22 de xaneiro na Igrexa da Universidade. A mostra consta, por unha banda, de 48 debuxos, gravados e bosquexos elaborados en branco e negro, alén de 47 deseños de estampados para tecidos. A presentación da obra en branco e negro atópase distribuída en oito seccións. Cada sección agrupa varios cadros que amosan algúns aspectos “esenciais” da obra do autor: inspiración, lembranzas, sociedade, interior, paisaxe, formas, mirada e imaxinación.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, xunto coa concelleira de Cultura e Educación do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta Barreiro, e do comisario da exposición, Luis Enrique Rodríguez Arias, inaugura a mostra a partir das 19.00 horas. “O principal obxectivo da exposición consiste en clarificar a complexidade deste artista para amosalo ao público dun xeito que facilite a súa comprensión sen deixar de visualizalo como un gran creador galego contemporáneo”, apuntan dende a organización. Por unha banda, búscase indagar no ‘Esencial’ da súa obra, ao tempo que se afonda na súa longa carreira dende as derradeiras vangardas europeas ata a postmodernidade, tránsito ‘Esencial’ para comprender os nexos entre a arte galega e a arte europea dende mediados do século XX ata os inicios do XXI.

"Nada é alleo a este artista total, a este xenial creador capaz de plasmar na súa obra canto pasou diante dos seus ollos ou pola súa imaxinación ao longo de 77 anos de carreira artística", indica o comisario desta mostra que pode visitarse ata o 23 de febreiro, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Teima pola experimentación

Díaz Ferrer foi un protagonista activo nos cambios da arte europea dos últimos 80 anos. A súa variedade temática e iconográfica “é case inesgotable”, matizan dende o comisariado. Retratos, bodegóns, paisaxes, espidos, debuxos satíricos, escenas surrealistas, composicións abstractas, escenas relixiosas e mitolóxicas, cadros de contido social, composicións informais, ou escenas costumistas rurais e urbanas integran a súa bagaxe artística.

“Estamos, sen dúbida, fronte a un caso atípico e xenuíno dentro da arte galega contemporánea, un creador cosmopolita e vangardista que conseguiu desenvolver unha arte europea e universal, plenamente integrado na súa época, ao tempo que conservou os seus valores identitarios galegos e a súa forte personalidade expresiva”, conclúe Luis Enrique Rodríguez Arias.

Jesús Díaz Ferrer nace no Barco de Valdeorras (Ourense) o 22 de maio de 1922. Tras pasar a infancia na súa vila natal e cursar o bacharelato en Ponferrada, trasládase a Madrid en 1939 coa intención de cultivar a súa temperá afección á arte. Na capital española estuda con Eduardo Chicharro e Agüera (reputado artista da época, pintor de cámara de Alfonso XII, discípulo de Sorolla e profesor tamén, entre outros, do mexicano Diego Rivera ou a galega Julia Minguillón). O seu talento consegue chamar a atención, nos primeiros anos da súa carreira, de personalidades da cultura galega como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Valentín Paz Andrade ou o arquitecto Antonio Palacios, quen o tutela e lle axuda a dar os seus primeiros pasos dentro do mundo da arte. Dende 1953 aséntase en París, onde vive e traballa ao longo dos seguintes 28 anos, con estadías temporais en Gotteborg, Zurich, na campiña francesa, Cangas do Morrazo e visitas esporádicas ao Barco de Valdeorras.

Co transcurso dos anos, sempre empapado do ambiente artístico no que vive, a súa complexa e variada sensibilidade lévano a achegarse a postulados de movementos e correntes desenvoltos na capital francesa como a abstracción lírica, a nova obxectividade ou a figuración narrativa. Na súa etapa parisiense, a súa teima na experimentación fai que a súa pintura reflicta os cambios artísticos ao seu carón. Do seu taller comezan a saír esculturas en pedra e metal, tallas de madeira, terracotas, ready made, gravados, fotografías, xoias de ouro e prata, colaxes fotográficas ou os seus experimentos con novos materiais como o metacrilato. Durante estes anos, ademais de expoñer en París e noutras cidades francesas, fai exposicións en Madrid. En 1964 visita a súa terra natal e expón na Sala Velázquez de Vigo. En 1981 abandona París e regresa a España para instalarse en Concud (Teruel) onde continuou traballando ata pouco antes da súa morte o 1 de xaneiro de 2017.

The contents of this page were updated on 01.22.2024.