Skip to main content

O CLM reduce as súas tarifas para o estudantado

Impartiranse cursos de alemán, catalán, checo, francés, inglés, italiano e portugués nos Campus de Santiago e cursos de alemán, francés e inglés no Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Impartiranse cursos de alemán, catalán, checo, francés, inglés, italiano e portugués nos Campus de Santiago e cursos de alemán, francés e inglés no Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
A matrícula para os cursos de linguas do segundo semestre nos campus de Santiago e Lugo aínda permanece aberta
Lugo, Santiago de Compostela

As tarifas para o estudantado redúcense nun 40% no caso de cursos e conversas de linguas estranxeiras e convértense gratuítas no caso das linguas oficiais, galego e castelán. Esta é unha das novidades da oferta formativa do Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) para este segundo semestre que ve reducidas as súas tarifas en cumprimento polo establecido nas Liñas xerais do orzamento de 2023.

Ademais, simplifícanse os conceptos de tarifas de cursos, conversas e probas de competencia lingüística dos idiomas impartidos por TSLM do CLM de 23 a 9 conceptos. As tarifas tamén quedan fixadas en dous tipos para as probas de competencia lingüística (ordinario e USC) e en tres para cursos e conversas: ordinario, USC e alumnado (grao, mestrado, doutoramento). A comunidade universitaria da USC, agás o estudantado, goza dunha redución do 25% sobre a tarifa ordinaria.

A matrícula para os cursos de linguas do segundo semestre do Centro de Linguas Modernas (CLM) para os campus de Santiago e Lugo aínda permanece aberta. Impartiranse cursos de alemán, catalán, checo, francés, inglés, italiano e portugués nos Campus de Santiago e cursos de alemán, francés e inglés no Campus de Lugo. As sesións de conversación presenciais e/ou en liña teñen convocatoria propia e os cursos de galego para non galegofalantes e de español como lingua estranxeira tamén contan con convocatorias específicas que poden consultarse na web do centro.

Test de nivel e matrícula

Non terá que realizar un test de nivel previo o alumnado do nivel inicial (A1.1, A1, A2.1, segundo o idioma) e o alumnado do CLM que poida acreditar un nivel inmediatamente anterior aprobado no ano ou semestre anterior. O alumnado coa acreditación allea ao CLM, debe poñerse en contacto previo con clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal). Nos restantes casos, é preciso realizar un test de nivel previo á matrícula, que será presencial e/ou en liña. Para realizalo hai que inscribirse no período sinalado no Anexo e facelo a partir da páxina web do CLM, que dará acceso á secretaría virtual; a inscrición faise no apartado de actividades, cursos e probas, Test de nivel, e é gratuíta. As persoas inscritas no test de nivel presencial acudirán o día do test ao lugar e hora elixidos e as inscritas no test de nivel en liña deben seguir as instrucións que lles aparecerán en pantalla. Os resultados dos test de nivel publicaranse na secretaría virtual do alumnado. A matrícula nos cursos, unha vez coñecidos os resultados da proba de nivel, farase a través da web do CLM.

Tipos de cursos de idiomas

Os cursos semestrais son de 40 horas presenciais + 10 horas de traballo autónomo do alumnado. As clases teñen duración de 90 minutos por sesión e periodicidade de dúas veces por semana: luns e mércores, martes e xoves ou luns e venres durante catro meses, en 27 sesións en total. As clases de italiano teñen 105 minutos por cada sesión e o calendario é máis curto, con 23 sesións en total.

Os cursos semiintensivos son de 40 horas presenciais + 60 horas de traballo autónomo do alumnado. As sesións teñen duración de 90 minutos e periodicidade de dúas veces por semana, luns e mércores ou martes e xoves, durante catro meses.

Os cursos semipresenciais son de 40 horas presenciais + 60 horas de traballo autónomo do alumnado. As sesións teñen duración de 90 minutos e son unha vez por semana, durante oito meses. Existen outras modalidades para catalán, checo e inglés das que se achega información na web do CLM.

Cursos de galego

Hai cursos semestrais para non galegofalantes de 40 horas presenciais + 10 horas de traballo autónomo do alumnado. As clases teñen periodicidade de 90 minutos dúas veces por semana durante catro meses. Os cursos intensivos para non galegofalantes son de 30 horas presenciais + 10 horas de traballo autónomo do alumnado. E os cursos intensivos para PDI e PI da USC, preparatorios das probas de acreditación de nivel B2 da USC (niveis 1 e 2) son de 15 horas en liña + 10 horas de traballo autónomo do alumnado.

The contents of this page were updated on 05.10.2024.