Skip to main content

Estudantes de bacharelato do norte de Italia coñecen en Santiago a oferta de estudos de grao da USC

Grupo de estudantes do Liceo Botta de Ivrea visitando a Biblioteca América no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Grupo de estudantes do Liceo Botta de Ivrea visitando a Biblioteca América no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Máis de trinta persoas do Liceo Botta de Ivrea, na provincia de Turín, visitaron a cidade, os colexios de San Xerome e Fonseca e a Biblioteca América, abrindo unha liña de colaboración que se poderá ampliar a outros institutos

Un grupo de máis de trinta estudantes do Liceo Botta de Ivrea, vila da rexión do Piamonte e provincia de Turín, visitaron este martes 23 a cidade de Santiago na compaña de Dolores Nieto, profesora da Sección Internacional Española dese instituto de ensino secundario, dependente do Ministerio de Educación e Formación Profesional español e da Embaixada de España en Italia. Esta visita será seguida dunha segunda o 30 de xaneiro, con outra trintena de estudantes, e con elas quedará aberta unha nova vía de colaboración entre a USC e a sección de lingua española do Liceo Botta, que se poderá ampliar a outros institutos.

A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, recibiu o grupo de estudantes no Colexio de Fonseca cun acto de benvida que incluíu unha presentación institucional breve que lle serviu para coñecer a oferta docente da USC así como cuestións relativas ao proceso de matrícula e ao catálogo de servizos que se ofrecen na universidade compostelá. A continuación o grupo de estudantes visitou a sala da Biblioteca América dentro do recinto de Fonseca e completaron a xornada coñecendo o colexio de San Xerome, sede da reitoría.

Na visita á Biblioteca América, a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal Reyes, mostroulle ao grupo de estudantes primeiras edicións de libros de Rosalía de  Castro e de Emilia Pardo Bazán -unha delas con dedicatoria autógrafa-, autoras cuxas obras están a estudar neste trimestre no Liceo. O alumnado do Liceo Botta estudan cada semana sete horas de lingua española, de xeito que xa teñen un gran dominio dela, e amosaron o seu interese por cursar na USC graos en Filoloxía ou Medicina, entre outros.

The contents of this page were updated on 01.23.2024.