Skip to main content

O novo Plan de Internacionalización reforzará a competitividade global da USC

A xuntanza desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, aproveitando a nova dotación multimedia deste espazo. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, aproveitando a nova dotación multimedia deste espazo. FOTO: Santi Alvite
O documento aprobado polo Consello de Goberno é froito dun proceso de elaboración conxunta no que conflúen representantes dos distintos colectivos da comunidade universitaria
Lugo, Santiago de Compostela

A USC desenvolverá no período 2024-2026 un novo Plan de Internacionalización para, en concordancia coa súa vocación de universidade aberta ao mundo, contribuír á mellora da calidade da docencia, a investigación e o desenvolvemento dos seus servizos. O Plan, froito dun proceso de elaboración conxunta no que conflúen representantes dos distintos colectivos da comunidade universitaria, foi aprobado por unanimidade na sesión do Consello de Goberno que se desenvolveu este xoves 25, no Centro de Estudos Avanzados da USC, aproveitando a nova dotación multimedia deste espazo.

Esta planificación para os vindeiros anos pretende reforzar a reputación da USC e aumentar a súa visibilidade e recoñecemento no ámbito internacional, consolidándoa como institución de referencia para a captación do estudantado e para a atracción de talento académico e investigador. O seu desenvolvemento tamén axudará a incrementar a competitividade global da USC promovendo a súa participación no marco de alianzas, foros e asociacións, así como a colaboración con organismos e institucións de educación superior e investigación internacionais.

A ordenación e planificación dos recursos no ámbito internacional  permitirá tamén identificar, poñer en valor e favorecer o aproveitamento das capacidades e potencialidades da USC, así como fomentar a internacionalización do currículo do estudantado e da excelencia académica e investigadora, de xeito paralelo á mellora da calidade da docencia e da investigación. Isto acadarase a través do aproveitamento das oportunidades que ofrece a colaboración internacional para a promoción do intercambio de coñecemento.

Entre as metas desta nova folla de ruta tamén se atopa o reforzo da mobilidade do estudantado, do Persoal Docente e Investigador (PDI) e do Persoal Técnico de Xestión e Administración de Servizos (PTXAS); así como promover as competencias internacionais e as habilidades interculturais dos tres colectivos para dar pulo a unha comunidade universitaria diversa e integradora. O Plan promocionará entre a comunidade universitaria experiencias baseadas nun enfoque intercultural e multilingüístico que teña en conta valores como o fomento da igualdade e da diversidade; e aspira a consolidar a internacionalización como un eixo transversal de xestión institucional.

O Plan adopta unha concepción ampla de internacionalización, destacando polo carácter integrador das súas propostas. As accións formuladas aspiran a incorporar a cultura da internacionalización á práctica institucional elevando a dimensión internacional a elemento intrínseco da súa identidade. Así, o plan de traballo apóiase no establecemento de accións interinstitucionais con potencial para favorecer a proxección exterior, así como na dinamización de relacións intrainstitucionais coas que se persegue impulsar a adhesión e compromiso de toda a comunidade universitaria coa xestión transversal do proceso de internacionalización.

Este Plan avanza na resposta a desafíos clave no horizonte de transformación ao que se enfrontan as universidades como é o caso da crecente dixitalización da educación, a modernización dos procesos de ensino e aprendizaxe, a posta en valor da investigación e da mobilidade no proceso de formación de persoal e estudantado, a revalorización das alianzas estratéxicas internacionais, a revisión de estruturas organizacionais e a redefinición de roles nun contexto de conversión das universidades en organizacións máis dinámicas e flexibles dentro dunha sociedade cada vez máis globalizada.

PDI

Na xuntanza tamén se aprobou a oferta de 25 prazas da convocatoria do Programa Ramón y Cajal 2023 que ten como obxectivo a incorporación no Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación de persoal investigador con traxectoria destacada. A proposta de cinco candidaturas para as axudas do Programa Beatriz Galindo 2023 foi outra das cuestións tratadas na reunión. Estas axudas teñen como principal obxectivo a atracción de talento investigador que teña realizado parte da súa carreira profesional no estranxeiro.

O Consello tamén deu luz verde á adscrición como Investigador Oportunius do profesor Carlos Alberto Salgado López ao Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela, e ao recoñecemento de interese por parte da USC da actividade proposta polo profesor Diego Peña Gil para prestar servizos no organismo público de investigación da Axencia Galega de Innovacion (GAIN). Memorias de licenzas por ano sabático, unha comisión de servizo e complementos retributivos autonómicos foron outros dos ámbitos temáticos abordados polo órgano colexiado.

Titulacións

As declaracións de intencións aprobadas para os mestrados universitarios en Prevención e tratamento das drogodependencias e condutas aditivas, Xestión de Arte e Patrimonio Cultural, así como Culturas Urbanas conforman o inicio do proceso de elaboración da memoria destes títulos para abordar a súa viabilidade. Xunto a elas, o Consello de Goberno tamén aprobou as declaracións de intencións de modificacións substanciais para oito titulacións de grao, seis mestrados universitarios e 17 programas de doutoramento para adaptalos á lexislación vixente. Tamén se deu luz verde a unha trintena de modificacións non substanciais de programas de doutoramento para a súa implantación no curso 2024/2025.

A reverificación do mestrado universitario Erasmus Mundus en Lexicografía, a modificación da memoria do Programa académico de simultaneidade de dobre grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual, a modificación do Regulamento das titulacións de grao e mestrado da USC e do procedemento para o aseguramento da súa calidade, xunto coas memorias de estudos propios, completaron a orde do día neste ámbito.  

Outros asuntos
A xuntanza tamén tratou o réxime xurídico do Delegado de Protección de Datos da USC, os premios extraordinarios de grao e mestrado do curso 2022-2023, as vacantes nas comisións delegadas do Consello de Goberno e a renovación da Comisión de Avaliación de Conflitos.

 

The contents of this page were updated on 01.25.2024.