Skip to main content

Un estudo epidemiolóxico compara a mortalidade atribuída ao tabaquismo entre as diferentes Comunidades Autónomas

Entre os homes, a porcentaxe de mortes atribuídas ao consumo de tabaco sobre a mortalidade observada total oscila entre o 24,6% en Estremadura e o 18,4% da Rioxa; mentres que no caso das mulleres vai dende o 6,6% en Canarias ao 2,3% en Castela-A Mancha. FOTO: Santi Alvite
Entre os homes, a porcentaxe de mortes atribuídas ao consumo de tabaco sobre a mortalidade observada total oscila entre o 24,6% en Estremadura e o 18,4% da Rioxa; mentres que no caso das mulleres vai dende o 6,6% en Canarias ao 2,3% en Castela-A Mancha. FOTO: Santi Alvite
Tal e como evidencia a investigación desenvolvida na USC por Julia Rey Brandariz, as porcentaxes oscilan dende o 10,8% da Rioxa ata o 15,3% de Canarias
Santiago de Compostela

A carga de mortalidade atribuída (MA) ao consumo de tabaco oscilou dende o 10,8% en A Rioxa ata o 15,3% en Canarias. Esta é unha das conclusións da tese de doutoramento desenvolvida pola investigadora Julia Rey Brandariz, o primeiro estudo que estima a MA ao consumo de tabaco dun mesmo ano en todas as comunidades autónomas de España empregado as mesmas fontes de información e unha metodoloxía común. A análise de Rey Brandariz refírese ao ano 2017, no que se rexistraron 53.825 mortes de persoas maiores de 35 anos atribuídas ao consumo desta substancia, o que representa o 12,9% da mortalidade total dese ano. Un terzo dos falecementos foron provocados por cancro de pulmón, seguido de enfermidades cardiovasculares e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.

Entre os homes, a porcentaxe de mortes atribuídas ao consumo de tabaco sobre a mortalidade observada total oscila entre o 24,6% en Estremadura e o 18,4% da Rioxa; mentres que no caso das mulleres vai dende o 6,6% en Canarias ao 2,3% en Castela-A Mancha. A MA ao consumo de tabaco é maior nos homes de todas as comunidades, sendo Andalucía a comunidade autónoma na que o tabaco causa un maior impacto na mortalidade por enfermidade cardiovascular. “A pesar de que se observou nos últimos anos un importante descenso na mortalidade por enfermidade cardiovascular asociada ao tabaquismo, o consumo de tabaco segue sendo un factor de risco moi relevante neste tipo de patoloxías”, matiza a investigadora nun dos artigos que integran a tese de doutoramento.

Porcentaxe de mortalidade atribuída ao consumo de tabaco sobre a mortalidade observada total en cada comunidade autónoma de España en 2017. Datos extraídos do estudo publicado na Revista Española de Cardiología por Rey J, Pérez-Ríos M, Santiago-Pérez MI, Galán I, Schiaffino A, Varela-Lema L, Naveira G, Montes A, López-Vizcaíno ME, Giraldo-Osorio A, Mourino N, Mompart A, Ruano-Ravina A.
Porcentaxe de mortalidade atribuída ao consumo de tabaco sobre a mortalidade observada total en cada comunidade autónoma de España en 2017. Datos extraídos do estudo publicado na Revista Española de Cardiología por Rey J, Pérez-Ríos M, Santiago-Pérez MI, Galán I, Schiaffino A, Varela-Lema L, Naveira G, Montes A, López-Vizcaíno ME, Giraldo-Osorio A, Mourino N, Mompart A, Ruano-Ravina A.

Segundo o estudo de Rey Brandariz, en Galicia rexistráronse máis de 3.000 mortes relacionadas co tabaco durante ese ano, cunha distribución das causas similar á observada no resto de España. Como explica a investigadora, a obtención deste tipo de estimacións, que aplican metodoloxía epidemiolóxica complexa, “é de grande utilidade para a formulación de políticas sanitarias dirixidas á prevención e promoción da saúde pública”. A tese foi dirixida polos profesores Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña.

Caso portugués

Durante a súa estadía predoutoral na Universidade Nova de Lisboa, a investigadora profundou no caso portugués, datos que agora tamén aparecen incorporados na súa tese de doutoramento. Así, no ano 2019 o consumo de tabaco xerou nese país 13.847 mortes, o que representa o 12,3% do total da poboación portuguesa de 35 ou máis anos. O traballo calculou o impacto do consumo de tabaco en Portugal en diferentes rexións e por sexo. Do total da mortalidade atribuída, o 71% aconteceu en varóns.

Radon

Adicionalmente, a tese inclúe a estimación da mortalidade causada en España pola exposición a radon residencial por Comunidades Autónomas, destacando que, aínda que a nivel estatal a exposición a radon residencial inflúe no 4% da mortalidade por cancro de pulmón, esta porcentaxe sobe ao 7% nas Comunidades Autónomas máis afectadas (Galicia e Estremadura). Os cálculos de Rey Brandariz serviron de base para a elaboración do Plan Nacional de Radon, recentemente aprobado polo Consello de Ministros.

Metodoloxía innovadora

A tese serviu tamén de marco para o desenvolvemento da ferramenta Streams-P (Strengthening the reporting of attributable mortality studies), coa finalidade de propoñer estándares de calidade metodolóxica para todos os estudos que pretendan estimar mortalidade atribuída a un determinado factor de risco. Ademais, os traballos que compoñen esta tese foron premiados en diversos congresos e por diferentes sociedades científicas, destacando o Premio Robalo Cordeiro da Sociedade Portuguesa de Pneumoloxía á mellor comunicación e o premio Sociedade Española de Epidemioloxía-Asociaçao Portuguesa de Epidemiología a unha comunicación conxunta España-Portugal da SEE. Ademais da estadía en Lisboa, Rey Brandariz desenvolveu parte da súa tese na Universidade de Brown (EEUU) e na International Agency for Research on Cancer (Lyon, Francia).

Julia Rey xunto ao tribunal e directores de tese
Julia Rey xunto ao tribunal e directores de tese
The contents of this page were updated on 01.30.2024.