Skip to main content

A bioeconomía azul no espazo atlántico, un caladoiro de I+D por explorar no que pescuda o Campus Terra

Luis M. Botana, á dereita, con investigadores internacionais, na sesión de apertura do proxecto BEAP-Mar
Luis M. Botana, á dereita, con investigadores internacionais, na sesión de apertura do proxecto BEAP-Mar
O proxecto Interreg Atlantic Area BEAP-MAR, liderado polo coordinador do grupo Farmatox da USC, Luis M. Botana, e dotado cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros, investiga o potencial uso de cepas de microalgas, macroalgas, fungos, esponxas e outros recursos mariños para desenvolver productos de cosmética, alimentación e mesmo do ámbito da farmacoloxía con alto valor engadido
Lugo

A bioeconomía azul no espazo atlántico constitúe un caladoiro aínda por explorar cara ao que apuntan cada vez máis proxectos de I+D promovidos ou participados polo Campus Terra da USC, tal e como é caso o do proxecto Interreg Atlantic Area BEAP-MAR, un programa europeo centrado no estudo de recursos mariños, tales como microalgas, macroalgas, fungos e mesmo esponxas, a fin de avaliar o seu potencial emprego para desenvolver novos produtos con alto valor engadido nos ámbitos da cosmética, alimentación e mesmo no plano da farmacoloxía, segundo indicou o catedrático da área de Farmacoloxía da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo e coordinador deste programa europeo, Luis M. Botana.

O tamén coordinador do grupo de investigación Farmatox da USC explicou que BEAP-MAR responde a un ambicioso proxecto que nace coa ambición de descubrir e valorizar recursos mariños descoñecidos ou, cando menos, non explotados comercialmente, que poden resultar útiles para crear e deseñar produtos innovadores e de interese para a industria e tamén para a sociedade no seu conxunto.

O profesor Luis M. Botana realizou estas declaracións na apertura do proxecto BEAP-MAR, unha sesión científica na que participaron na Facultade de Veterinaria da sede universitaria luguesa representantes das universidades de Galway (Irlanda) e do Algarve (Portugal), así como dos centros superiores de investigación Politécnico de Leiria (Portugal) e o Commissariat a l’Énergie Atomique et Énergies Alternatives (Francia). A French Agency for Food, Environmental and Occupational Health & Safety (Francia) e o centro de innovación empresarial WestBIC (Irlanda) completan, xunto coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro, os socios integrados no consorcio do proxecto BEAP-MAR, que, entre outros, conta como participantes asociados coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Universidade da Cidade de París, asociacións empresariais de Portugal ou mesmo a rede europea de innovación agroalimentaria Valorial.

O proxecto BEAP-MAR, unha iniciativa de I+D+i que conta cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros, financiados nun 75% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxas actividades se prolongarán ata decembro de 2026, dá continuidade á xa dilatada traxectoria investigadora desenvolvida polo grupo Farmatox do Campus Terra da USC, que conta no seu haber con máis de 25 patentes rexistradas.

Botana explicou asemade que BEAP-MAR é un proxecto máis ambicioso, aínda que complementario do programa COMBO, outra iniciativa de I+D+i orientada a  pescudar e desenvolver métodos eficaces para cultivar produtos mariños en terra que está incluída e financiada polo programa marco de investigación da UE Horizonte Europa. Neste proxecto, o grupo Farmatox da USC colabora universidades e centros de investigación de Europa (Irlanda, España, Dinamarca, Holanda e Francia), Sudáfrica e Estados Unidos, sinalou.

O catedrático da área de Farmacoloxía da USC salientou neste senso a relevancia do financiamento europeo achegado a través de programas como Interreg para avanzar en liñas de investigación como as concretadas no proxecto BEAP-MAR, que busca ampliar o coñecemento e a comprensión de recursos mariños, a fin de optimizar o seu emprego e, de ser caso, crear novas substancias e produtos que resulten útiles para a innovación industrial.

A cooperación internacional que implican este tipo de proxectos internacionais antóllase, en opinión de Luis M. Botana, un compoñente esencial para favorecer a transmisión de coñecementos e o potencial da Bioeconomía Azul no espazo atlántico, o que, dalgunha forma tamén se traducirá na implementación de boas práctica nas distintas rexións e na posta en marcha de novos procesos e modelos de negocio a gran escala.

 

The contents of this page were updated on 01.30.2024.