Skip to main content

Un estudo alerta de que máis do 60% da poboación española non coñece as medidas para reducir a incidencia do radon

O 77% dos participantes nas comunidades máis afectadas recoñece o radon como carcinóxeno. FOTO: ENAC
O 77% dos participantes nas comunidades máis afectadas recoñece o radon como carcinóxeno. FOTO: ENAC
Recoñécese como carcinóxeno (70,5%), aínda que só catro de cada dez saben que é a segunda causa de cancro de pulmón, xusto despois do tabaco (39,2%). Os homes manifestan maior nivel de coñecemento sobre o radon e as mulleres teñen maior percepción dos riscos asociados
Santiago de Compostela

A catedrática de Xornalismo Berta García Orosa, investigadora do Grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, encabeza unha investigación financiada polo Consello de Seguridade Nuclear que busca coñecer a percepción do risco do radon como base para unha comunicación eficaz. O estudo baseouse nunha técnica xa probada en estudos anteriores sobre outros riscos como o cambio climático, o évola ou a COVID-19. Realizáronse 1.985 entrevistas en toda España a persoas de 18 anos ou máis. A mostra complementouse con respostas adicionais nos territorios máis afectados: Galicia, Estremadura e Comunidade de Madrid.

“O radon é a segunda causa de morte por cancro de pulmón entre persoas fumadoras e a primeira entre non fumadoras. Con todo, os seus riscos son escasamente coñecidos e os esforzos de comunicación de risco para mitigar os seus efectos non demostraron a eficacia esperada”, apuntan dende o equipo investigador.

A pesar de que as persoas enquisadas manifestan un interese medio-alto por estar informadas do que ocorre na súa contorna e no mundo (5,42 sobre 7), a cidadanía que di recibir información sobre radon nalgún momento a través dos medios de comunicación sitúase no 31,2%. Os resultados da investigación alertan de que a poboación adoptou medidas escasas para protexerse deste gas: só o 45,6% adoptou algunha. A medida máis común é mellorar a ventilación do edificio (29,9%), seguida do aumento de ventilación do forxado (21,7%), evitar que se filtre o gas dende o soto (15,6%), selar pisos e paredes (13,0%) e instalar un sistema de evacuación mecánica do radon no soto ou baixo os pisos sólidos (10,5%).

“Os datos son aínda máis rechamantes porque a poboación española ten un coñecemento moderado sobre este gas”, matizan dende o proxecto. Saben que é un gas (83,4%), que é invisible a primeira ollada (67,4%) e inodoro (42,9%); que pode atoparse no chan (54,4%) e na auga (24,5%), pero non ao aire libre (33,8%). Con todo, respecto a ás medidas para reducir os seus efectos, o descoñecemento é maior, pois o 75,4% cre que se pode baixar evitando vivir preto de fábricas contaminantes, mentres que as medidas efectivas son coñecidas por menos da metade da poboación.

O coñecemento nas comunidades con alta incidencia de radon é maior. O 77% dos participantes nas comunidades máis afectadas recoñece o radon como carcinóxeno, mentres que no resto de territorios só o recoñece o 68,8%. “Tamén se identifica que os homes manifestan maior nivel de coñecemento sobre o radon, do mesmo xeito que a cidadanía con maior nivel formativo”, explican.
En termos de percepción social do risco, a percepción de incidencia presenta resultados superiores nas rexións de maior incidencia, co máximo en Galicia, a comunidade máis afectada. Os resultados son superiores en mulleres e varían segundo o nivel de estudos, con valores mínimos de percepción entre os cidadáns menos formados.

Con todo, a poboación española considérase máis preocupada en xeral (4,68 sobre 7) que preocupada polo risco asociado ao gas radon (4,04), aínda que os valores son superiores nas comunidades con maior incidencia, especialmente en Galicia como territorio de maior afectación (4,58), pero tamén en Madrid (4,19) e Estremadura (4,09). Non obstante, a probabilidade percibida de que o radon lle afecte hoxe en día é máis reducida (3,44).

The contents of this page were updated on 02.01.2024.