A directora do CiMUS, Mabel Loza, ingresa na Real Academia Nacional de Farmacia
A directora científica do CiMUS e catedrática de Farmacoloxía da USC, Mabel Loza, tomou posesión como académica correspondente da Real Academia Nacional de Farmacia, cun discurso de ingreso titulado A farmacoloxía e o descubrimento de fármacos para unha nova era. A laudatio correu a cargo do académico de número e presidente da Sección 4ª, Juan Tamargo Menéndez.
Catedrática de Farmacoloxía na USC, Loza estudou farmacia na mesma universidade e realizou a súa tese de doutoramento no Departamento de Farmacoloxía da Facultade de Medicina da Universidade de Oviedo. Desde 1998, tras a súa etapa postdoutoral nos Departamentos de Farmacoloxía e Biofísica do Mount Sinai Medical Center de Nova York, centrou a súa investigación na farmacoloxía aplicada ao descubrimento de fármacos en contornas de traballo multidisciplinares, colaborativos, público-privados (con máis de 30 compañías) que lle deu un importante recoñecemento en innovación aberta en descubrimento de fármacos.
É directora do Centro Singular da USC, CiMUS, e patroa fundadora da Fundación Kaertor, entidade que lidera algunhas das iniciativas de innovación aberta público-privadas destacadas do sur de Europa 2023. Autora de 235 artigos científicos e máis de 300 comunicacións a congresos e directora de 26 teses de doutoramento cualificadas coa máxima cualificación, participou en máis de 100 proxectos de investigación con financiamento competitivo, 76 como investigadora principal e en máis de 50 contratos de investigación e transferencia, nos que 17 novos fármacos chegaron a ensaios clínicos. O último, no Programa Rescata COVID para o tratamento de COVID-19.
É inventora de 17 patentes (catro con licenzas/acordos de explotación); cofundadora en catro empresas biotecnolóxicas: Pharmatools Dixital Interactive Services, Allelyus, Oncostellae (con dous fármacos en ensaios clínicos) e Celtarys. Líder do nodo de alta capacidade do ERIC EU-Openscreen do CiMUS da USC e coordinadora de Redes de Descubrimento de Fármacos de Galicia (Rexede) e España (Redefar, ES-Openscreen I e II). Actualmente coordina para Galicia o Plan español de biotecnoloxía aplicada á saúde e lidera a Liña de actuación de cribado de fármacos para España. Coordinadora da subárea de Ferramentas de Diagnóstico, Prognóstico e Terapéutica da área de Biomedicina da Axencia Estatal de Investigación (AEI) no período 2020 -2023 e vicepresidenta da Real Academia de Farmacia de Galicia.
Foi incluída no programa internacional L'Oréal-Unesco For Women in Science, no libro titulado Nosotras biocientíficas españolas e foi seleccionada pola EFPIA (European Federation of Pharmaceutical Industries and Associations) entre os “30 scientists from 30 countries in Europe” na iniciativa Portraits of Science-Scientists of Tomorrow (Paris, 19 de xuño de 2008) e recibiu o premio María Josefa Wonenburger 2019.