Skip to main content

A comunidade da USC poderá beneficiarse de novos prezos reducidos nos menús das cafetarías universitarias

O acceso a estes prezos realizarase a través da TUI. FOTO: Santi Alvite
O acceso a estes prezos realizarase a través da TUI. FOTO: Santi Alvite
O estudantado poderá acceder a menús cun prezo de 6,50 euros, mentres que o custo deste servizo será de 7,50 para o resto da comunidade da USC. Para o público xeral o prezo situarase nos 8,50 euros
Lugo, Santiago de Compostela

A USC pon en funcionamento a partir do vindeiro luns 5 de febreiro un sistema de descontos para estudantado e resto de membros da comunidade universitaria nos menús das cafetarías da Universidade. Deste xeito, identificándose coa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), o estudantado e o persoal de iniciación á investigación poderá acceder a menús cun prezo de 6,50 euros, mentres que este mesmo servizo terá un custo de 7,50 euros para o resto da comunidade universitaria. Para o público xeral o prezo do menú situarase nos 8,50 euros.

En Santiago de Compostela, poderase acceder ao menú a prezo reducido nas cafetarías dos Colexios Maiores de Fonseca e Rodríguez Cadarso, nas das Facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias da Educación e Psicoloxía, Económicas e Empresariais, Filoloxía, Matemáticas, Medicina, así como nas que da Residencia Universitaria Burgo das Nacións, no Edificio Docente Roberto Novoa Santos, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e tamén no SEU.

En Lugo, as cafetarías adheridas a este programa de prezos reducidos para a comunidade universitaria son as das Facultades de Administración e Dirección de Empresas, Humanidades e Veterinaria.

Como obter a TUI

O acceso a estes prezos realizarase a través da TUI, dispoñible a través da aplicación móbil da USC que pode descargarse para Android e iOS. A tarxeta xérase de xeito automático unha vez se introducen as credenciais persoais na aplicación. É necesario realizar unha fotografía previamente, que pode facerse nos Puntos de Atención, Información e Servizos de cada centro.

The contents of this page were updated on 02.05.2024.