Skip to main content

O Campus Terra avalía o uso de auga rexenerada en cultivos de regadío do espazo Sudoe co proxecto I-ReWater

A EPSE ensaiará o uso de auga rexenerada en parcelas de lúpulo en Abegondo e León
A EPSE ensaiará o uso de auga rexenerada en parcelas de lúpulo en Abegondo e León
O programa europeo liderado polo grupo PROePLA da EPS de Enxeñaría e dotado de máis de 2,2 millóns de euros de financiamiento, bota a andar este mes na sede universitaria luguesa co obxecto de promover unha xestión sustentable dos recursos hídricos a fin de preservalos fronte aos efectos derivados do cambio climático
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC avalía o uso de auga rexenerada en cultivos de regadío do espazo Sudoe, tal e como se denomina a rexión formada polo territorio da Península Ibérica, Principado de Andorra e Sur de Francia, ao abeiro do proxecto I-ReWater. Esta iniciativa europea de I+D+i aprobada na última convocatoria Interreg Sudoe 2021-2027 conta cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros, financiados nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e está promovida por un consorcio internacional formado por 16 socios, cos que colaboran outras 39 entidades asociadas.

O obxectivo de ‘I-ReWater. Xestión sustentable dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo Sudoe’, un proxecto que bota a andar o vindeiro 19 de febreiro na EPSE e cuxas pescudas se prolongarán durante os próximos tres anos, pasa por avanzar na preservación dos recursos hídricos e na optimización dos seus usos, a fin de favorecer a adaptación ao cambio climático e minimizar os seus efectos, segundo indica Javier J. Cancela Barrio, profesor e investigador do grupo PROePLA da USC que lidera este programa.

As posibilidades que se abren ao amparo desta nova investigación son múltiples, dado que, segundo se deriva de estimacións xa realizadas, o emprego de auga rexenerada na agricultura de regadío podería implicar un aforro do 10% dos recursos hídricos dedicados na actualidade a tal fin, lembra Cancela. Esta redución no consumo de auga de rega permitiría destinar a outros usos os recursos hídricos extraídos de pozos e canles fluviais, engade o investigador na EPS de Enxeñaría, que tamén salienta as vantaxes que reporta para as terras de cultivo o emprego de auga rexenerada, dado que está enriquecida en nitróxeno e fósforo, ademais doutros compoñentes con propiedades fertilizantes.

O plan de traballo do proxecto I-ReWater contempla desenvolver no trienio 2024-2026 un total de 15 proxectos pilotos en diferentes localizacións, a fin de comprobar os efectos do aproveitamento de auga rexenerada parcelas de agricultura de rega con 13 cultivos leñosos e dous hortícolas. Alén destas accións de I+D aplicadas ao territorio, o persoal científico e técnico implicado neste proxecto europeo analizará o estado actual dos recursos hídricos no espazo Sudoe e avaliará os efectos da auga rexenerada na produción e na calidade dos cultivos para favorecer a resilencia e a seguridade das augas.

Réplicas en territorios

Os resultados das distintas accións parciais desenvolvidas permitirán unha posterior estratexia de actuación a nivel internacional que servirá para definir as distintas etapas a seguir no progresivo proceso de incorporación das augas rexeneradas ao conxunto de recursos hídricos dispoñibles destinados a regadío. Daquela, este proxecto posibilitará desenvolver ferramentas para a mellora de toma de decisións, a través da integración de modelos e aplicacións xa existentes na actualidade.

Alén de coordinar o proxecto I-ReWater, a USC tamén liderará a creación dun polo sobre o uso de auga rexenerada que se presentará en Madrid a finais de novembro de 2026, ao tempo que analizará o ciclo de vida das accións piloto nas que se empregue auga rexenerada para o regadío e contribuirá a desenvolver unha plataforma de sensores de baixo custe para optimizar o control e o seguimento da rega nestas experiencias de campo.

O persoal investigador da USC xestionará asemade de xeito directo dous dos proxectos piloto incluídos entre as accións previstas en ‘I-ReWater’, tal e como son as accións proxectadas en parcelas comerciais de lúpulo localizadas en Abegondo (A Coruña) e Villanueva de Carrizo (León), traballos nos que colaborarán LUTEGA e SAT Lúpulos de Léon. A empresa GESTAGUA, beneficiaria do proxecto, será a encargada de proveer auga rexenerada para a rega, co que se garante o cumprimento dos parámetros de calidade da auga, acorde coa normativa en vigor.

Membros do consorcio

A EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC lidera o consorcio impulsor do proxecto I-ReWater, do que tamén forman parte HOPEN-Terre de Houblon, Instituto de Ciencias da Vide e o Viño (ICVV), Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, IP (INIAV, IP), Fundación Juana de Veiga, Universidade de Trás-Os Montes e Alto Douro, Instituto Politécnico de Bragança, IRTA (Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias), Universidade de Córdoba (UCO), Águas do Norte, S.A., INRAE, Axencia de Medio Ambiente e Auga de Andalucía (AMAYA), Gestagua, Àrea Metropolitana de Barcelona (AMB), Oficina do Regant do Departament de Acció Climàtica i Axenda Rural da Generalitat de Catalunya (OdR) e Goberno de Andorra.

 

The contents of this page were updated on 02.05.2024.