Skip to main content

O documental ‘Mulleres en Círculo, cabana vermella work-in-progress’ preséntase este xoves na Igrexa

O documental ‘Mulleres en Círculo, cabana vermella work-in-progress’ preséntase este xoves na Igrexa
O documental ‘Mulleres en Círculo, cabana vermella work-in-progress’ preséntase este xoves na Igrexa

O proxecto experimental colaborativo de Reme Remedios ‘Mulleres en Círculo’ que durante un mes do pasado ano permaneceu na Igrexa da Universidade colle forma de novo agora en forma de documental.

A cinta inédita ‘Mulleres en Círculo, cabana vermella work-in-progress’ presentarase este xoves 9 ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade. A montaxe corre a cargo do realizador Alberto Bidarra, que se encargou de documentar a "performance" inaugural e a do acto de clausura así como de entrevistar ás mulleres participantes no proceso expositivo. O documental complétase con material gravado durante os círculos de mulleres e as actividades que tiveron lugar na Igrexa.

O proxecto
‘Mulleres en círculo’ xurdíu coa idea de transformar a acción artística en ferramenta para intervir na sociedade dende un posicionamento crítico, reivindicando o papel activo da muller na sociedade e no mundo da arte. Tratouse así de propiciar a creación dun círculo de traballo artístico e feminista e favorecer unha reflexión colectiva sobre a historiografía dos círculos de mulleres en torno a tradicións consideradas domésticas e a súa aplicación polos primeiros feminismos no mundo da arte e a política.

Na súa orixe foron 35 as mulleres invitadas a sentarse en círculo para crear con outras mulleres. Formaron en DOSMILVACAS un círculo de 3,30 metros de diámetro e a partir das súas propias prendas de vestir construíron con estas mesmas medidas a peza que articula esta proposta expositiva: a Cabana Vermella.

Inspirada nas tradicionais tendas lunares que algunha vez foron lugar de reclusión (e exclusión) para as mulleres durante os seus períodos menstruais, a Cabana Vermella se transformou nesta proposta nun lugar de reunión e poder, ocupando o altar central da Igrexa da Universidade. En paralelo á exposición realizáronse numerosos obradoiros de carácter gratuíto sobre creatividade, muller e feminismo, ademais de dúas charlas sobre arte e muller: Círculos de Mulleres na historia da arte e As Deusas da prehistoria.

As propias artistas foron as responsables do espazo, coordinadas por Reme Remedios, Clara Rodríguez Cordeiro e 7H cooperativa cultural, establecendo previamente horarios de visita aberta e atención ao público, días de proxeccións ou accións artísticas e outros de traballo a porta cerrada.

The contents of this page were updated on 03.08.2017.