Skip to main content

O 11F pon o foco nas referentes femininas para espertar vocacións científicas e a participación plena das mulleres na ciencia

A pesar da crecente presenza das mulleres no estudantado universitario, a súa distribución é desigual entre as distintas titulacións. FOTO: Santi Alvite
A pesar da crecente presenza das mulleres no estudantado universitario, a súa distribución é desigual entre as distintas titulacións. FOTO: Santi Alvite
A USC deseña un programa de actividades que ten como nexo común outorgar visibilidade a científicas que trasladen as súas experiencias entre o estudantado preuniversitario
Lugo, Santiago de Compostela

Cada 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, proclamado en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, alén de lograr a igualdade de xénero. A USC non permanece allea a esta loita e, como cada ano, deseña unha axenda de actividades que arredor desta efeméride e a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero, contribúen a outorgar visibilidade a estas reivindicacións.

‘Protagonistas, as enxeñeiras’

A axenda deste 11F bota a andar este martes 6 de febreiro na Escola Politécnica de Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. A organización de obradoiros divulgativos sobe temáticas e disciplinas relacionadas cos títulos e grao e mestrado deste centro, no marco da iniciativa ‘Protagonistas, as enxeñeiras’, promovida pola Comisión de Igualdade de Xénero, pretende achegar as titulacións de carácter científico e tecnolóxico (STEM, nas súas siglas en inglés) ás rapazas que están a cursar estudos de ensino medio en centros educativos de Lugo.

“A incorporación de máis mozas aos estudos de enxeñaría, tanto no que se refire a enxeñarías agrícolas e agroalimentarias, forestais e do medio natural, enxeñaría civil, enxeñaría de Montes, así como de calquera outra disciplina universitaria de carácter científico e tecnolóxico, antóllase como algo necesario para garantir que as mulleres gocen de presenza e sexa protagonista en situación de igualdade respecto dos homes na sociedade tecnolóxica que está por vir”, apuntan dende a organización da iniciativa. “Esta realidade aínda se fai máis urxente na actualidade en España, onde, alén da falta de referentes femininas, a porcentaxe de mulleres que están a completar estudos de enxeñaría e ou tecnoloxía apenas representa o 13%”, engaden.

Os obradoiros, en colaboración co Concello de Lugo, desenvolveranse 11.30 a 14.00 horas e inclúen propostas de impresión 3D, voo de drons, novas pontes entre a enxeñaría e o cancro, ‘Micro Aliens contra pragas’, esqueleto de edificios, ciclo hidrolóxico, escaneado 3D dun bosque, desenvolvemento de produtos de madeira estrutural ou actividades arredor da velocidade. De participación libre e gratuítos en función das preferencias da mocidade, os obradoiros serán impartidos por persoal docente e investigador da EPS de Enxeñaría integramente feminino.

CientifiQas

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) súmase tamén ás reivindicacións deste 11F a través da actividade ‘CientifiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS’, encontro entre estudantado de bacharelato e investigadoras do centro para coñecer a investigación desenvolvida polas científicas que nel traballan. O 9 de febreiro, a partir das 10.00 horas, Dolores Pérez, directora adxunta do CiQUS, dará a benvida ao alumnado participante que poderá acceder a diversas experiencias investigadoras con perspectiva de xénero, ademais de percorrer as instalacións.

Física de partículas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, organiza tamén o 9 de febreiro a V Masterclass Internacional de Física de Partículas, dirixida a alumnas de 1º de bacharelato de institutos de Galicia, co obxectivo de achegarlles a física ás estudantes inscritas, que poderán realizar unha práctica experimental con datos reais do CERN. Farano a través das propias investigadoras do IGFAE, que compartirán algunhas claves do seu traballo e amosarán referentes femininas para as futuras xeracións de investigadoras.

Referentes CTEM

‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ é unha actividade desenvolvida no marco do convenio de colaboración, en materia de igualdade de xénero, entre o Concello de Santiago de Compostela e a USC para dar visibilidade ás enxeñeiras e científicas como referentes nas disciplinas coñecidas como CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) coa realización de obradoiros dirixidos ao alumnado de primaria. A novena edición desta iniciativa xa está en marcha e contará coa participación dunha decena de centros e 13 obradoiros, ademais dos 59 que participan na modalidade virtual da iniciativa. Os talleres comezarán o vindeiro 16 de febreiro no CEIP Ramón Cabanillas coa actividade ‘Xogando coa luz’, impartida polas catedráticas Carmen Bao Varela e Mª Teresa Flores Arias da área de Óptica e a investigadora Ana Isabel Gómez Varela da USC.

A pesar da crecente presenza das mulleres no estudantado universitario, a súa distribución é desigual entre as distintas titulacións. “A escasa presenza de mulleres nalgunhas titulacións do ámbito STEM non só prexudica as mulleres, reducindo ás súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e decisións do futuro tecnolóxico, senón que afecta tamén os resultados das investigacións, a innovación e, polo tanto, a sociedade”, explican as promotoras da iniciativa. “As causas desta desigualdade son múltiples, entre elas a presenza de estereotipos de xénero e a falla de referentes femininos en ciencia e tecnoloxía”, matizan.

The contents of this page were updated on 02.05.2024.